O pazo de Tor como modelo para Meirás

La Voz

LEMOS

Os participantes no coloquio, no exterior do pazo de Tor
Os participantes no coloquio, no exterior do pazo de Tor CEDIDA

Expertos convocados pola Deputación repasaron nun coloquio a experiencia cultural do pazo monfortino

20 may 2021 . Actualizado a las 10:28 h.

Un coloquio con historiadores e un sociólogo abordou esta semana en Monforte a experiencia do pazo de Tor como posible modelo de xestión futura para o pazo de Meirás. O acto, organizado polo departamento de memoria histórica da Deputación, formaba parte das actividades programadas pola Rede Museística Provincial arredor do Día Internacional dos Museos que se conmemora o 18 de maio.

No coloquio participaron os historiadores Pegerto Saavedra, Antonio Saavedra e Carlos Babío, e o sociológo Manuel Monge; e tamén o responsable da árae de Memoria Histórica da Deputación, Efrén Castro. Entre todos, abordaron a dimensión cultural e histórica dos pazos de Tor e Meirás, baixo o título «Pasado, presente e futuro da vida dos pazos galegos. Os casos de Tor e Meirás».

Segundo a información facilitada polo departamento de comunicación da vicepresidencia da Deputación de Lugo, os participantes nesta convocatoria describiron as peculiaridades do caso do pazo monfortino de Tor, «marcadas pola súa actividade como espazo museística tras a cesión á Deputación de Lugo por parte da súa última propietaria, Paz Taboada de Andrés e Zúñiga»; e tamén as de Meirás, caracterizadas «pola loita cívica e política que conseguiu recuperar este ben para o patrimonio público».

O traballo de Meirás

Na súa intervención, Efrén Castro valorou esta convocatoria como «unha xornada na que se puxo en valor o traballo realizado polo historiador Carlos Babío na recollida da documentación que serviu para recuperar Meirás tras o espolio do franquismo e na que se avaliou o modelo de Tor de cara a futuros usos de Meirás».

Efrén Castro considera necesario que «os temas relacionados coa memoria histórica se trasladen a todos os eidos, tamén con reflexións como esta sobre as consecuencias do fascismo español sobre o patrimonio histórico».