Uxío Novoneyra, un patrimonio literario para reforzar o atractivo turístico das rutas xacobeas

A fundación que preserva o legado do poeta participa no proxecto europeo RurAllure, no que colaboran seis países

Uxío Novoneyra en su localidad natal de Parada do Courel, situada a una veintena de kilómetros del Camino Francés, en una imagen de archivo
Uxío Novoneyra en su localidad natal de Parada do Courel, situada a una veintena de kilómetros del Camino Francés, en una imagen de archivo

monforte / la voz

A Fundación Uxío Novoneyra é unha das tres entidades galegas -xunto coas universidades de Vigo e A Coruña- que participan no proxecto RurAllure, unha iniciativa financiada polo programa Horizonte 2020 da Comisión Europea que ten o obxectivo de enriquecer as rutas tradicionais de peregrinación divulgando e promovendo o patrimonio cultural rural dos territorios próximos a estes itinerarios. Neste proxecto participan con diferentes iniciativas de turismo cultural quince entidades repartidas por seis países europeos.

Segundo explica Uxío Novo, secretario da fundación, a finalidade do proxecto consiste en «atraer aos peregrinos e turistas cara ao patrimonio cultural das áreas rurais que rodean os camiños de peregrinación para que estes territorios se beneficien tamén do tirón que teñen esas rutas». Neste caso -engade- trátase de utilizar o patrimonio literario de Uxío Novoneyra para reforzar o atractivo das rutas xacobeas galegas. A iniciativa centrarase especialmente no Camiño Francés, que pasa a unha vintena de quilómetros da casa museo do poeta en Parada do Courel, pero tamén terá en conta o Camiño de Inverno, aproveitando a forte relación de Novoneyra con lugares como Quiroga e Monforte.

En Galicia, o proxecto RurAllure será coordinado por Martín López Nores, profesor de enxeñaría telemática da Universidade de Vigo, xa que para conseguir os obxectivos previstos farase un uso intensivo das ferramentas dixitais. Nesta iniciativa participará así mesmo o municipio de Vila do Conde, polo que pasa o Camiño Portugués e que conta tamén cun importante patrimonio literario.

Ademais desta iniciativa vinculada ás rutas xacobeas, o proxecto RurAllure comprende outras tres experiencias piloto, centradas respectivamente no Camiño de San Olaf -en Noruega-, a ruta de peregrinación mariana de Sumuleu Ciuc -en Romanía- e o patrimonio termal relacionado coas vías de peregrinación a Roma. O proxecto conta cun financiamento cercano aos tres millóns de euros e terá unha duración de tres anos. En todos estes casos, o que se intentará é incrementar a visibilidade e afluencia de visitantes a museos, lugares de interese cultural, histórico e etnográfico e paraxes naturais situados na contorna das rutas de peregrinación.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Uxío Novoneyra, un patrimonio literario para reforzar o atractivo turístico das rutas xacobeas