Chantada e Lemos compiten este mércores en «Come a comarca»

La Voz

LEMOS

Integrantes do equipo gastronómico que representa á comarca de Chantada
Integrantes do equipo gastronómico que representa á comarca de Chantada VOZ AUDIOVISUAL

TVG emitirá ás 23.15 horas unha nova entrega do concurso gastronómico

19 ene 2021 . Actualizado a las 19:16 h.

As terras de Lemos e Chantada compiten na nova entrega de Come a comarca: as Batallas, a maior competición gastronómica de Galicia, que se emite este mércores en TVG a partir das 23.15 horas. O presentador do programa, Fran Cañotas, percorrerá as ribeiras do Miño —en Chantada— e as do Cabe —en Monforte— para dar cos seus mellores cociñeiros. O percorrido ten unha parada en Airas Moniz, empresa chantadina que xestiona unha explotación de vacas jersey e elabora un queixo azul quie foi cualificado como o mellor de España no Salón Gourmet de Madrid. Os espectadores tamén poderán percorrer en barca o célebre meandro do Cabo do Mundo. Na Terra de Lemos, o itinerario pasará pola explotación de agricultura ecolóxica María Castaña e pola empresa cárnica Gutrei Galicia, en Bóveda.

O prato forte do programa será o duelo entre os equipos das dúas comarcas, formados cada un por cinco cociñeiros e cociñeiras. O conxunto da comarca de Chantada está capitaneado por Antonio Lorenzo, do restaurante A Faragulla, e conta coa súa nai Ana María, como axudante experimentada. Completan a formación Roberto Iglesias, xerente do restaurante Os Pendellos; Michele Salucci, da empresa rutas fluviais Quinta Sacra, e Xesús Mazaira, de Airas Moniz. O equipo da comarca de Lemos ten como xefe a Manuel Fernández, do restaurante Manuel Bistró, que terá de axudante a María del Carmen González. Acompáñannos Manuel Rodríguez, da Tapería Brancellao; Brais Gómez, de Trespés Comidas e Petiscos, e Manuel Moure, da pastelería El Parque.

Membros do equipo que representa á comarca de Lemos na nova entrega do concurso gastronómico
Membros do equipo que representa á comarca de Lemos na nova entrega do concurso gastronómico VOZ AUDIOVISUAL

Só un dos dous equipos acadará a clasificación. Para conseguilo terán que elaborar un menú que presentan os xefes de salgados e doces do programa, Gerson Iglesias e Manuel Garea, con diferentes retos culinarios e sempre no tempo marcado. Os concursantes terán que elaborar quince racións de cada un dos pratos —primeiro, segundo e sobremesa—, elaboracións que serán examinadas por un xurado formado por quince expertos en gastronomía que nunha cata a cegas terán que decidir se ben Chantada, ou ben a Terra de Lemos, acadaron o sabor agardado.

En total, dezaseis comarcas galegas cos seus respectivos equipos participan en Come A Comarca: As Batallas. O gañador do enfrontamento desta semana disputará a final da provincia de Lugo fronte a Terra Chá. Os gañadores das catro provincias darán paso ás finais da zona norte e sur, e finalmente chegarase á finalísima do programa. O equipo que acade este obxectivo levará 5.000 euros, suma que se multiplica por tres se resulta vencedor.