No certame municipal de comadres repartíronse dezaoito premios

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

A concentración da praza da España pechou a tradicional xornada festiva

28 feb 2019 . Actualizado a las 20:49 h.

Tal como ocorreu no pasado Xoves de Compadres, o tempo soleado favoreceu o acto de entrega de premios do certame municipal do Xoves de Comadres do Concello de Monforte, celebrado onte pola tarde na praza de España, que concentrou a numerosas persoas. No apartado colectivo de barrios o primeiro premio foi para o grupo «Pasando, pasando», da asociación veciñal de Rioseco, que tamén levou o galardón á mellor crítica social. Nesta categoría houbo dous segundos premios, un para «Loita contra a polilla guatemalteca», de Piensos Senra, e outro para «Pase de oro», da asociación de veciños da parroquia de Ribas Altas. Concedéronse ademais tres accésits ao conxunto «Diosas del asfalto», da asociación Prodeme; «As feministas de Carude», do barrio do mesmo nome, e «Agora igualdade», da asociacón Agora.

Na categoría individual de barrios, o primeiro premio recaeu en «Piratas del Ca-be-ri-be», do centro social da fundación Abanca, e o segundo en «A nosa Rosalía», da asociación Afamón. Neste apartado houbo tres accésits para «¿Dónde está la playa en Monforte?», de Matilde Corral López; «Monforte, todo esto te dará», do Centro do Viño da Ribeira Sacra, e «Manuela Carmena», presentada pola asociación Auxilia.

En canto aos centros de ensino, na categoría colectiva o primeiro premio foi para «Abella galega vs. velutina», do Colexio Ferroviario, e houbo dous segundos premios para «Supernenas», do colexio Torre de Lemos, e «El regreso de Mary Poppins», do colexio Infanta Elena. Na categoría individual concedeuse o primeiro premio a «Dona Igualdade», da anpa do colexio Escolapios. Houbo tamén dous segundos premios para «A dona da reciclaxe», da anpa do Colexio Novo, e «Dona Prensa», do colexio A Gándara. Na categoría de premios individuais a figuras presentadas na praza de España concedeuse un premio único a «¿Quieres que Vampiriña sea tu amiga?», de Antón López González. Seguindo a tradición, despois de darse a coñecer as decisións do xurado, a xornada festiva pechouse coa queima das comadres.