Os entroidos de Salcedo e Chantada, no cine da man de Kepa Junkera

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CRISTINA ARNAIZ

O tradicional carnaval do Oso da Pobra abrirase o 3 de marzo coa proxección do filme «Mar de terra»

15 feb 2019 . Actualizado a las 17:26 h.

O programa das festas de carnaval do municipio da Pobra do Brollón comprenderá a proxección do filme Mar de terra, unha longametraxe documental realizada por iniciativa do célebre acordeonista vasco Kepa Junkera, que recolle escenas dos entroidos tradicionais de Salcedo e Chantada. A película foi proxectada por primeira vez na última edición do Festival de Cine Internacional de Ourense, a finais do pasado novembro, e ata agora non fora mostrada en público no sur lucense.

A proxección terá lugar no local multiusos de Salcedo o 3 de marzo, na véspera da saída do Oso que protagoniza o festexo. A sesión comezará ás 17.00 horas e contará coa presenza do realizador ourensán José Antonio Blanco, director da película e coautor do guión xunto co propio Kepa Junkera. O músico non poderá asistir ao acto debido ao seu actual estado de saúde, xa que se está recuperando dun ictus que sufriu en Bélxica a principios de decembro.

O filme Mar de terra está dedicado a diversos entroidos tradicionais galegos, como os de Manzaneda, Laza, Verín, Xinzo de Limia e Viana do Bolo, ademais dos do sur lucense. As imaxes que recollen a festa do Oso de Salcedo e o Entroido Ribeirao chantadino foron filmadas o ano pasado durante a celebración destes festexos. Segundo explica Juan Carlos González, presidente da asociación de amigos do entroido tradicional de Chantada, o músico e o equipo de filmación estiveron na parroquia de Santiago de Arriba o Domingo de Entroido -penúltimo día dos festexos- e o seguinte luns as gravacións realizáronse en Salcedo.