«Pazo de Tor», poemas de inspiración monfortina

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CESAR QUIAN

Aos 96 anos de idade, Luz Pozo publica un libro que surxiu das súas visitas ao edificio, relacionado coa súa historia familiar

17 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A ribadense Luz Pozo Garza, a máis veterana das escritoras en lingua galega, acaba de publicar aos 96 anos de idade o poemario Pazo de Tor, inspirado no histórico edificio de Monforte, no que residiron en tempos algúns dos seus antepasados. A obra apareceu na editorial Alvarellos -que xa publicou anteriormente outros libros seus- nunha edición preparada pola profesora e escritora Carmen Blanco e cun prólogo de Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega. Segundo explica Quique Alvarellos, director da editorial, «Luz Pozo empezou a compoñer este libro a raíz dunha visita que fixo ao pazo hai arredor de dez anos».

A autora, que reside actualmente na Coruña, sinala que o seu apelido materno procede da antiga familia Garza, vinculada ao pazo monfortino desde o século XIV, aínda que o seu parentesco cos últimos propietarios era moi distante e non chegou a ter unha relación persoal con eles. Nunca se encontrou con María Paz Taboada, que legou o pazo á Deputación.

O libro consta de trinta poemas que están inspirados en diversas visitas que a escritora fixo ao pazo en tempos máis ou menos recentes. «En xeral, os meus libros de poemas teñen unha estrutura unitaria e xiran arredor dun mesmo tema, e con este sucede o mesmo, porque todos os textos que contén están relacionados co pazo de Tor», sinala.

A escritora explica así mesmo que desde a súa infancia oíu falar a miúdo do pazo e da súa relación coa familia Garza á súa nai e a outros parentes. «Para min representa toda unha historia que non se olvida e que continúa vixente, e paréceme moi bonito que siga existindo e que estea tan ben conservado despois de tantos séculos», engade.

Nas visitas que fixo a Tor -di por outra parte- chamáronlle moito a atención aspectos como a estrutura arquitectónica do edificio e a súa colección de antigos instrumentos musicais. Coñece ben a súa historia e recorda que «foi destruído dúas veces, na época dos irmandiños e na invasión francesa». Non obstante, Luz Pozo puntualiza que Pazo de Tor é unha obra poética e non un estudo ou unha recreación histórica. «Para coñecer a historia do pazo xa hai traballos publicados por historiadores e este libro é algo moi distinto, no que ten moita importancia a imaxinación», comenta. Quique Alvarellos indica a este respecto que «os poemas reunidos no libro «caracterízanse por un ton intimista e lírico que está na liña da poesía máis espiritual de Luz Pozo».

Novoneyra e Manuel María

Pozo apunta por outro lado que coñeceu persoalmente a Uxío Novoneyra e Manuel María, dous poetas que estiveron moitas veces no pazo de Tor e que tiveron moita relación con el. «Tiven amizade con eles e sobre todo con Manuel María, pero curiosamente nunca chegamos a falar do pazo e non souberon que a miña familia estaba vinculada con el dalgunha forma», agrega.

Nova entrega dunha obra que comezou a aparecer hai 71 anos

O libro Pazo de Tor vén incrementar unha extensa obra literaria que comezou a formarse en 1948 coa publicación en Vigo do poemario en castelán Ánfora. A primeira obra en galego de Luz Pozo, O paxaro na boca, apareceu en Lugo en 1954 e inaugurou as publicacións da editorial Xistral, fundada por Manuel María e Ánxel Johán e trasladada máis tarde a Monforte. A propia escritora ten declarado que foi Manuel María quen a animou a escribir en galego, que a partir de entón foi o seu idioma literario predominante.

Desde esa época, Luz Pozo foi publicando numerosos libros de poemas e ensaios entre os que figuran títulos como Concerto de outono, Códice Calixtino, Medea en Corinto, As arpas de Iwerddon, Diálogos con Rosalía, As vodas palatinas ou Rosa tántrica. A súa obra poética foi traducida a diversas linguas, como o catalán, o inglés, o francés, o alemán, o húngaro o ruso e o xaponés. En 1996 ingresou na Real Academia Galega como membro numerario. Luz Pozo, por outro lado, estivo casada co escritor quirogués Eduardo Moreiras, falecido en 1991.