«Sen nós, a sociedade non funciona»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Alexandra Pérez Prieto

Esta monfortina de 18 anos é a autora dun rap feminista que se está a converter nun himno da protesta de hoxe

08 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Alexandra Pérez será unha das protagonistas da protesta feminista de hoxe en Monforte. Hai pouco máis de dous días colgou na súa páxina persoal de Facebook un rap con mensaxe feminista escrito por ela. Onte levaba máis de 80.000 reproducións. No Concello soubérono e convidárona a cantar esa canción na concentración que se celebrará ás doce do mediodía diante da casa consistorial, nun dos actos reivindicativos que se celebrarán en Monforte neste Día da Muller Traballadora. A autora deste éxito musical feminista ten 18 anos, traballa nunha empresa que organiza actividades para nenos e adora a música e o teatro. Xa ten publicado en Facebook e en YouTube outras cancións, ás veces composicións propias e outras veces versións de éxitos de Selenar Gómez, Beret ou Melendi. Pero ningunha cun éxito nin sequera comparable a esta.

-¿Gústalle o rap?

-Gústanme moito a música e o teatro e encantaríame poder cantar ou actuar de maneira profesional. Pero en realidade o meu estilo musical favorito é o pop.

-Pero fixo un rap.

-A música é a miña forma de expresarme e sinto que se teño algunha achega que facer vai ser a través dela. E sobre esta canción, en principio ía facela cun piano e a miña voz, cun estilo pop ou de balada. Pero no momento en que me puxen a escribir deime conta de que igual non me daba tempo a dicir todo o que quería. Así que busquei unha base rap e en canto vin que encaixaba, todo foi fluíndo e a letra case me saíu soa.

-Evidentemente, estará de acordo coa folga de hoxe.

-Si. É unha maneira de deixar claro que sen nós a sociedade non funciona.

-Vai cantar esta canción na concentración que se celebrará diante do Concello. Nerviosa?

-Quizais o estaría se se tratase de cantar outra canción. Pero cantar esta canción non me dá medo, porque este é un tema que sinto moi dentro, que sae de min. Non vai ser unha actuación, vou dicir o que eu penso.