«É un orgullo poder presumir do mellor viño do mundo»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Sober presenta no canón do Sil a edición número 38 da Feira do Viño de Amandi

26 feb 2018 . Actualizado a las 22:36 h.

O Concello de Sober presentou onte desde o alto do canón do Sil o cartel que anunciará a edición número 38 da Feira do Viño de Amandi, que se celebrará na fin de semana do 24 e o 25 de marzo. O certame reunirá esta vez a 23 adegueiros do municipio, será pregoado pola gaiteira Cristina Pato e estará dedicado ao municipio da Pobra do Brollón.

O lugar elixido para a presentación oficial do cartel, e de paso tamén da programación oficial da feira e do Mes de Amandi, foi esta vez o miradoiro de Cadeiras. Rodeado por representantes das adegas participantes, pola deputada Raquel Arias e pola autora do cartel, Ana Santiso, o alcalde Luis Fernández Guitián mencionou aos adegueiros e colleiteiras do municipio como os que fan posible a feira co seu traballo «nas viñas e adegas elaborando un produto único e excepcional que trunfa en competencia cos mellores viños do mundo».

Guitián dixo estar contento como alcalde de «poder presumir, un ano más, e van 38, do mellor viño do mundo, da mellor alfareiría do mundo, do mellor territorio do mundo e todo grazas a que ten como veciños a mellor xente do mundo, que se esforza para recibir durante todo o ano e de forma especial o sábado e domingo de Ramos a milleiros de visitantes».

A programación da Feira do Viño inclúe a apertura oficial ás doce do mediodía do día 24, con protagonismo esta vez para a Adega Guímaro, en lembranza da súa matriarca, Concepción Pérez Marcos. Ás oito da tarde, Cristina Pato dará un concerto no auditorio do Centro Sociocultural de Sober. E ás once e media de noite empezará una actuación de GinToni’s na praza do Concello.

En canto ao domingo, Cristina Pato dará o pregón á unha da tarde e media hora despois será a entrega de premios aos mellores viños.

Como é habitual desde hai anos, o Concello de Sober prepara o terreo para a feira coas actividades encadradas baixo a denominación de Mes do Amandi.

A primeira será este luns e desenvolverase na aula municipal de novas tecnoloxías, cun obradoiro ideado para recompilar material gráfico e escrito sobre a Feira do Viño de Amandi dende o seu nacemento en 1981.

A programación do Mes do Amandi inclúe tamén citas coa música, como o concerto do cuarteto de saxofóns Kebyart o día 10; coa divulgación cultura, como a presentación do libro de poesía Entre zocas e decibelios, do autor de Barantes Ramón Sandoval; ou a divulgación didáctica, como a actividade de análise sensorial para rapaces de quinto e sexto de Primaria que se celebrará o día 12 no colexio Virxe do Carme.