O bravú chantadino precisa mecenas

Eva Fernández / C.C.

LEMOS

CEDIDA

22 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os fans do bravú están de noraboa. Os Rastreros, un dos grupos máis míticos deste xénero, volveron ao estudo de gravación despois de vinte anos de silencio e preparan un novo álbum, titulado «Un porco é coma un home». Con todo, este conxunto chantadino precisa da colaboración dos seus seguidores para finalizalo e puxeron en marcha unha iniciativa de mecenazgo a través da web Verkami. Famosos por temas como O sacristán de Basán ou A tratorada, cómprenlles 4.000 euros para poder gravar e editar un disco do que xa teñen todas as cancións compostas. «Creamos oito temas novos este ano -declara Ritxi, o batería do grupo- e tamén queremos engadir outras dúas que non tivemos oportunidade de incluír no noso traballo anterior». Este traballo mantén a temática de sátira social que levan cultivando dende sempre. Ritxi valora que «a crítica sempre é necesaria e nós non cambiamos a este respecto».

Con todo, o obxectivo que se propoñen é complexo. Se ben o grupo se amosa convencido de que o acadarán nos 23 días que quedan para facer aportacións, este sistema de mecenazgo ten un propósito secundario. «É unha boa maneira de medir o interese da xente. Non imos sacar o disco se non queren que o saquemos. Se non se recadan todos os cartos non o gravamos, simplemente facemos xira coas cancións», conta Ritxi. Asemade, teñen motivos para ser optimistas. Os seus fans recibiron moi gratamente este proxecto, emocionados polo regreso dun grupo que marcou a toda unha xeración.

Ata o Castanhazo

Un porco é coma un home» presentaráse, se todo vai ben, na próxima edición do Castanhazo, o festival de rock que se celebrará en Chantada en novembro. «O Castanhazo é coma un fillo para nós -opina o batería-, naceu coa intención de convertirse nun trampolín para os grupos que xurdían en Chantada e é un orgullo ver que se converteu en todo un referente». A partir desa data os Rastreros non saben a onde os levará o destino. Rexeitaron todas as propostas que recibiron para actuar en festivais, coa intención de centrarse na gravación do álbum. Con todo, si que esperan facer xira unha vez que consigan sacalo adiante.

Unha contribución segura

Para facer máis atractiva a contribución ao proxecto, os Rastreros ofrecen unha serie de recompensas a cambio de cada contribución -camisolas, a descarga anticipada do disco acudir á gravación...-, mais algúns fans teñen dificultades para axudar. «Non todo o mundo ten Internet e hai xente nova que non conta cunha tarxeta de crédito», comenta Ritxi. Dende o grupo aseguran que a propia web que sustenta o proxecto garante que todos os mecenas reciban as recompensas prometidas só se se recada todo o necesario e non antes do 12 de setembro.