O primeiro santo de Taboada

En marcha a canonización de Francisco Carballo, nacido en Xestoso no ano 1905


chantada / la voz

Francisco Carballo era un home brillante cunha prometedora carreira eclesiástica por diante, pero non tivo tempo para desenvolvela. A súa vida truncouse moi cedo e de xeito dramático. Naceu en Taboada en 1905 e tiña 31 anos cando a guerra civil o sorprendeu en Madrid. Foi fusilado por uns milicianos esquerdistas dez días despois do golpe militar do 18 de xullo. O seu corpo repousa na basílica do Valle de los Caídos. A igrexa católica acaba de abrir un proceso para declaralo santo, xunto con outros 49 relixiosos e sete crentes laicos que foron asasinados no Madrid republicano entre 1936 e 1939.

O que probablemente acabará sendo o primeiro santo natural de Taboada criouse coa súa familia na aldea de Xestoso, situada na parroquia de San Martiño do Mato. Matriculouse no seminario de Lugo, onde foi un estudante destacado. O chantadino Laureano Carballo é o seu sobriño neto e naceu moito tempo despois de que el morrese, pero recorda ver cando era neno na casa familiar de Xestoso unha palmeira que para toda a súa familia era o recordo vivo do seu parente. «Segundo se contaba na casa -explica-, o bispo de Lugo tíñao en moi boa consideración e deulle a palmeira como agasallo cando rematou os seus estudos no seminario». Aquela planta tropical nunca chegou a medrar moito en Xestoso, pero botou raíces e sobreviviu.

Francisco Carballo marchou con 27 anos a Madrid, onde foi nomeado párroco de Pinilla del Valle. Tres anos despois pediu permiso na diócese de Madrid para facer estudos universitarios. Pero era 1935 e xa non lle daría tempo a completalos. Segundo a información recollida despois da guerra polas autoridades franquistas, o 28 de xullo de 1936 foi detido por catro milicianos que viñan de arrestar a outro párroco nunha localidade próxima. Encerrados con outros dous sacerdotes no calabozo municipal da vila de Rascafría, os catro foron fusilados o día 28 ou o 29 nunha paraxe situada entre os portos de Navacerrada e Cotos. Anos despois, cando rematou a construción da mausoleo franquista do Valle de los Caídos, os seus corpos foron exhumados e trasladados alí.

Familia en Chantada e Canarias

Un irmán de Francisco Carballo vive hoxe en Chantada e outros dous están nas illas Canarias, a onde chegaron despois de pasar anos emigrados en Venezuela. Toda a familia é coñecedora do proceso de beatificación e algúns familiares incluso se desprazaron a Madrid o pasado 18 de marzo para presenciar a cerimonia relixiosa oficiada na igrexa das Calatravaas na que o arcebispo de Madrid, o cardeal Carlos Osoro, abriu oficialmente esta causa de canonización. O cardeal dirixiuse a eles e aos familiares das demais persoas e proceso de canonización para animalos a vivir «con alegría que alguén dos vosos quixo dar a vida polo Señor».

O proceso de canonización é o paso final dun procedemento que comezou hai xa vinte anos cando o daquel cardeal Rouco Varela decidiu pór en marcha a beatificación de perto de medio millar de sacerdotes e crentes «mártires» da Igrexa durante a guerra civil.

a caixa das reliquias

A familia de Francisco Carballo conserva algúns dos seus libros. Protexéronos con mimo durante anos nun recipiente de madeira no que gardaban cereal. Así mantivéronos lonxe da humidade e da couza. O seu sobriño neto, que hoxe ten 45 anos, recorda como de pequeno subía no depósito e mergullaba entre o centeo para xogar cos libros. Aqueles libros, chancea el hoxe, van camiño de converterse en «reliquias de santo». Na foto, a sinatura de Francisco Carballo nun deses libros

Unha curiosa conexión intelectual

A familia foi informada no seu momento pola Igrexa do procedemento para facer santo a Francisco Carballo. Colaboraron enviando a información que lles pediron e están a seguir con interese a evolución deste longo proceso. «Hai que admitir que supón unha reparación histórica, aínda que eu penso que a igrexa o fai cunha intención proselitista, como reacción precisamente contra a defensa da memoria histórica que retira das rúas os nomes dos bispos colaboradores co fascismo», conta Laureano Carballo cando se lle pregunta que pensa da canonización. Esa é, insiste, a súa opinión e non ten por que representar a do resto da familia. El é arqueólogo e sente unha certa conexión intelectual co seu tío, co que comparte a paixón polo estudo, o mundo antigo e as linguas. Pero é unha conexión curiosa, porque el está nas antípodas ideolóxicas de todo o que inspirou o golpe militar de 1936 e os corenta anos de ditadura. Desde esa distancia, dubida entre rir ou enfadarse cando ve no folleto recén editado polo arcebispado de Madrid sobre estas 56 canonizacións que Francisco Carballo naceu en «Gestoso». «Lamento o erro -di cun medio sorriso-, imaxino que non llo deron a ler antes a Rouco Varela, que seguro que se daría conta».

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
57 votos
Comentarios

O primeiro santo de Taboada