AIniciativa Lexislativa Popular (ILP) popular en favor da regulación da custodia compartida en Galicia parte dunha comisión promotora na que se implicou de forma moi especial a Asociación Galega de Pais e Nais Separados. Manuel López Martínez, un dos seus integrantes, mantén conversas cos voceiros políticos dos concellos da zona sur da provincia para que as corporacións municipais subscriban a proposta. «O noso desexo é que nos plenos sexa aprobada por unanimidade ou polo menos por unha maioría de votos moi ampla», explica.
-¿Como vai a recollida de sinaturas?
-Levamos máis de 6.000 sinaturas en menos dun mes de campaña de recollida. Hai que chegar ás 10.000 para poder rexistrar a iniciativa popular, pero aínda temos por diante tres meses. Non creo que sexa necesario esgotar os prazos que marca a normativa neste casos.
-Mantiveron algúns encontros a nivel político, ¿atopan receptividade nos partidos que terán que votar a proposta no Parlamento?
-Tivemos unha reunión coa dirección de En Marea e a nosa impresión é que valoran favorablemente a iniciativa. Tamén saímos contentos do encontro que mantivemos co PSOE. Estamos pendentes de falar co BNG e co PP, que é o partido co que pecharemos a rolda de contactos. O vicepresidente da Xunta xa se mostrou partidario da custodia compartida. Hai que pensar que é un problema que non ten ideoloxía, pode sufrilo xente de dereitas e de esquerdas.