O museo de xeoloxía de Quiroga busca o recoñecemento da Xunta

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

O Concello intensificará as xestións para ingresar na rede museística autonómica

30 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Quiroga, que recollerá o venres o premio Santa Bárbara -outorgado ao museo municipal de xeoloxía pola Cámara Mineira de Galicia-, pretende impulsar durante o 2017 a inclusión deste centro na rede museística da Xunta. O alcalde Julio Álvarez sinala que o goberno local xa contempla desde hai tempo esta posibilidade, pero aínda non puido levala a cabo debido a que a tramitación é un proceso complicado e ás súas limitacións de persoal.

Non obstante, os responsables municipais teñen a intención de intensificar as xestións a fin de conseguir o recoñecemento oficial do Goberno galego, tanto para o museo local de xeoloxía como para o de etnografía. Ingresar no chamado Sistema Galego de Museos -explican- suporía a posibilidade de recibir subvencións para o seu mantemento e de contar co apoio da Xunta para a divulgación dos seus contidos.

Por outro lado, formar parte desta rede autonómica é unha condición necesaria para que os museos quirogueses poidan facerse cargo da custodia de determinadas pezas cuxa conservación está xestionada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. É o caso dunha colección de artefactos paleolíticos que foron encontrados no 2007 no lugar de Gándara Chá.

Recoñecementos

O alcalde considera por outra parte que o premio da Cámara Mineira de Galicia supón tamén un recoñecemento ao labor do Instituto Universitario de Xeoloxía da Coruña, que participou directamente na creación do museo. Álvarez resalta en particular a contribución do director desta institución, o xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, e da paleontóloga Aurora Grandal. «Hai que destacar ademais o importante papel de Ramón Vila, traballador do Concello, que foi quen desenvolveu a idea de crear este museo», engade.

O estudo previo para a creación do xeoparque requerirá un gasto de en torno a 100.000 euros

O museo xeolóxico de Quiroga é un dos recursos que está previsto incluir no xeoparque que pretenden crear este municipio e os de Ribas de Sil e Folgoso do Courel. Para solicitar a integración deste territorio na rede internacional de parques xeolóxicos é preciso elaborar un extenso estudo que os tres concellos teñen previsto desenvolver o ano próximo. Os responsables municipais calculan que para levar a cabo este proxecto será preciso un investimento de en torno aos 100.000 euros.

Por este motivo, os representantes dos tres municipios xa solicitaron un apoio económico á Dirección Xeral de Conservación da Natureza e din que encontraron unha actitude receptiva por parte dos responsables deste departamento. Por outro lado, o tenente de alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro -que asumiu a representación dos tres concellos para este cometido- pediu tamén a axuda da Deputación. Os promotores do proxecto esperan así mesmo contar cunha parte dos fondos do plan Leader.

A memoria que é necesario presentar á Unesco deberá realizarse co asesoramento científico de especialistas en diversos campos -como a xeoloxía, a paleontoloxía e a arqueoloxía- e conter un inventario detallado dos recursos que formarán parte do parque xeolóxico. Isto supón a catalogación dun grande número de paraxes de interese que comprenden desde o pregamento de Campodola ata as covas calcáreas da Serra do Courel, pasando polas numerosas explotacións mineiras de distintas épocas históricas que hai na zona. A amplitude e a complexidade do traballo requerirá a contratación de persoal especializado, xa que excede as capacidades dos funcionarios e traballadores municipais.

Só tres centros do sur lucense dun total de 86 en toda Galicia

Os centros integrados no Sistema Galego de Museos son actualmente 86. Deles, 37 están na provincia da Coruña, dezasete na de Ourense e doce na de Pontevedra. Os que se encontran na provincia de Lugo son unha vintena, dos cales só tres pertencen aos municipios da zona sur. Dous destes últimos están en Monforte e son o Museo de Arte Sacra do convento de Santa Clara e a pinacoteca do Colexio da Compañía. O terceiro é o Ecomuseo de Arxeriz, no municipio do Saviñao.

O museo do pazo de Tor, por outro lado, é o único dos que pertencen á rede museística provincial que aínda non forma parte do sistema autonómico. Os outros son o Museo Provincial de Lugo, o museo etnográfico e histórico de San Paio de Narla -en Friol- e o Museo do Mar de Cervo.

Na provincia, ademais dos xa mencionados, no sistema autonómico figuran os museos de Burela, Castro de Rei, Pedrafita do Cebreiro, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Mondoñedo, Monterroso, Vilalba, Vilanova de Lourenzá e Viveiro. Todas as instalacións museísticas incluídas na rede da Xunta aparecen nunha páxina web que ofrece informacións sobre os seus contidos e divulga as exposicións e as demais actividades que levan a cabo.