Monforte acolleu a segunda grande homenaxe a Manuel María

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

No acto participaron varios escritores que mantiveron trato persoal co poeta

02 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Casa de Cultura de Monforte acolleu onte a homenaxe pública a Manuel María organizada polo Concello en colaboración coa Real Academia que foi anunciada pouco despois de que se decidise dedicar ao poeta o Día das Letras Galegas. O acto congregou a numerosas persoas e contou coa asistencia da viúva do escritor, Saleta Goi, e de diversos membros da referida institución.

A apertura do acto correu a cargo do alcalde José Tomé, quen ademais de insistir na condición de «fillo de adoptivo de Monforte» do poeta e na súa estreita relación coa cidade da que foi veciño durante catro décadas, resaltou a difusión que tivo a súa obra dentro e fóra de Galicia a través de «adaptacións musicais e traducións a outros idiomas». O presidente da academia, Xesús Alonso Montero, incidiu tamén na «capacidade comunicativa» e na popularidade do poeta, que ao seu xuízo contribuíron en grande medida á difusión da literatura galega na sociedade.

Continuador da tradición

Seguidamente comezou unha intervención da escritora e académica Margarita Ledo Andión, quen falou sobre a o papel de Manuel María -e doutros escritores que irromperon na década de 1950- como continuador da tradición literaria galega nunha época de dificultade extrema e no estímulo que supuxeron o seu exemplo e o seu apoio para os autores das seguintes xeracións. Ledo salientou ademais a dimensión de «libreiro, editor e animador de encontros e faladoiros» de Manuel María e evocou a súa relación persoal co poeta e a súa dona, recordando as numerosas visitas que fixo a Monforte na súa compañía.

No acto participou tamén o escritor e actor monfortino Antón Lopo, quen lembrou a influencia que tivo na súa propia vida a librería Xistral, rexentada por Manuel María, na que entrou por primeira vez cando contaba dez anos de idade. Lopo describiu a librería como unha «nave espacial» capitaneada por «un Mister Spock con ollos de Fabio Testi» que permitía «viaxar a un novo mundo» e escapar da «forza gravitatoria da mediocridade xeral». Naquel establecemento, agregou o escritor, os xoves lectores monfortinos da súa xeración -nados entre finais dos anos cincuenta e principios dos sesenta- puideron acceder a libros que non era posible encontrar «na pequena e poeirenta biblioteca municipal e na da Caixa de Aforros», as únicas que existían na cidade, e coñecer a literatura galega, totalmente ausente por entón nos programas do ensino oficial.

Outra das intervencións correu a cargo do escritor monfortino Lois Diéguez, que foi alumno de Manuel María cando o poeta traballaba no ensino privado e que -ao igual que Margarita Ledo- publicou as súas primeiras obras na pequena editorial que dirixía o homenaxeado. Na súa palestra, Diéguez recordou os seus paseos por Monforte en compañía de Manuel María e o apego do poeta polas conversas e os personaxes e ambientes populares, sinalando que lle gustaba moito visitar as vellas tabernas da cidade -como as coñecidas por Carrazúa e Blusas, desaparecidas hai moito tempo- e as cantinas rurais das aldeas da comarca.

Recitais de poemas e actuacións musicais ante un numeroso público na Casa de Cultura

A homenaxe comprendeu un recital de textos poéticos que se intercalou coas conferencias. Nesta actividade tomaron parte os escritores Fina Casalderrey e Salvador García-Bodaño e o economista monfortino Manuel Rajo, amigo persoal do poeta. Casalderrey leu dous poemas de Manuel María e recordou que neste ano coincidiu o Día das Letras Galegas dedicado a Manuel María e o centenario da fundación das Irmandades da Fala. García-Bodaño recitou dous poemas da súa autoría, un deles escrito con motivo do cincuenta aniversario de Muiñeiro de brétemas -o primeiro libro de Manuel María, publicado en 1950- e outro dedicado a Saleta Goi. Pola súa parte, Rajo destacou a «bonhomía e a humildade» como trazos característicos da personalidade do poeta.

No recital de poemas tamén tomaron parte tres estudantes monfortinos de ensino medio -Uxía Esmeralda Casabianca Rodríguez, Iago Díaz Iglesias e Sabrina Pérez López-, que cursan estudos, respectivamente nos institutos Río Cabe, Daviña Rey e A Pinguela. A homenaxe contou así mesmo coa participación de varios alumnos do conservatorio municipal Mestre Ibáñez, que interpretaron diversas pezas musicais durante o acto.

Por outro lado, Xesús Alonso Montero recordou que o Concello solicitara á academia acoller o acto principal do 17 de maio, o que considerou comprensible dado a vinculación do poeta coa cidade. Pero agregou que a tradición obriga a celebrar este acto na localidade natal do homenaxeado e que a elección correspondía á familia do poeta é a Fundación Manuel María.