Un poboado mineiro cunha mina dentro das súas murallas

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS RUEDA

Os habitantes do castro de San Lourenzo puideron fabricar útiles con ferro extraído a poucos pasos das súas casas

01 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O equipo que realiza as escavacións do castro de San Lourenzo -na parroquia de Cereixa, na Pobra do Brollón- deu onte por concluída a primeira campaña arqueolóxica que se levou a cabo neste xacemento. O director técnico do proxecto, o arqueólogo Xurxo Ayán, considera que estes traballos corroboran as suposicións nas que se basea o proxecto, segundo as cales este castro albergou un poboado dedicado principalmente a elaborar instrumentos de ferro que se utilizaron para explotar a mina romana de ouro dos Medos, situada nas aforas da capital municipal.

No recinto do castro apareceron numerosas mostras de escouras de ferro que denotan a presenza de fornos onde se debeu calcinar este mineral, aínda que por agora non se escavou ningunha construción deste tipo. Encontráronse ademais fragmentos de limonita, un mineral formado por óxidos e hidróxidos férricos que é moi común nas zonas con depósitos de mineral de ferro. Os arqueólogos supoñen que ao menos unha parte deste material puido ser arrancado do subsolo do propio castro, onde hai mostras da existencia dun filón.

Outras pezas arqueolóxicas que o equipo recuperou nas últimas semanas consisten en numerosos fragmentos de cerámica de tipo castrexo, de cores escuras. Estes materiais -precisa Ayán- son praticamente idénticos aos que se desenterraron entre o 2007 e o 2008 nas sondaxes realizadas no castro de San Vicente do Pino, en Monforte. A isto engádense diversos muíños de man de tipoloxía castrexa.

Restos dunha vivenda

Durante os últimos días, por outro lado, realizouse un cata arqueolóxica na zona norte da coroa do castro, onde unha sondaxe previa con métodos xeomagnéticos indicou a presenza de restos de construcións. Os investigadores descubriron efectivamente os vestixios dunha vivenda, os primeiros da época galaicorromana que se desenterran neste proxecto. Dentro desta construción apareceu un pavimento feito con pedazos de cerámica.

Ayán sinala que a investigación desta parte do castro foi máis limitada do que estaba previsto nun principio. O motivo é que na primeira parte da campaña se escavaron os restos da antiga ermida de San Lourenzo -de orixe medieval-, situada dentro do recinto castrexo, e eses traballos ocuparon máis tempo do que se pensaba debido ao tamaño e á importancia das estruturas que se puxeron ao descuberto. Non obstante -puntualiza o arqueólogo-, os resultados desta primeira intervención son moi alentadores de cara a próximas campañas. As mencionadas prospeccións xeomagnéticas indican que no subsolo do recinto hai restos doutras construcións, que probablemente comprenden fornos e obradoiros metalúrxicos.

Asentamentos parecidos

Os responsables do proxecto arqueolóxico consideran que todos os indicios reunidos ata agora apuntan a que o castro de San Lourenzo pode presentar unha grande similitude con outros asentamentos galaicorromanos situados en diferentes zonas de Galicia e do Bierzo e especializados en actividades relacionadas coa minería. Xurxo Ayán sinala que probablemente responde ao mesmo modelo urbanístico que o castro berciano de Orellán, estudado nos anos setenta. Outro exemplo pode ser o castro da Graña, no municipio pontevedrés das Neves.

No sur lucense hai outros castros que parecen igualmente relacionados coa minería romana, pero ata agora o único onde se realizaron investigacións arqueolóxicas -aínda moi limitadas- é o de Torre ou Sobredo, no municipio do Courel.

 

indicios de explotación

No interior do recinto do castro destaca un oco aberto no terreo, de grandes dimensións, coñecido popularmente como Burato dos Mouros (á esquerda), onde apareceron grandes cantidades de escouras de ferro. Os arqueólogos supoñen que neste lugar se encontra un filón de mineral que puido ser aproveitado polos habitantes do castro. Xurxo Ayán puntualiza que haberá que realizar escavacións na zona para determinar se realmente este xacemento foi explotado na época romana. «Iso é algo que temos por praticamente seguro, pero tamén é posible que fose traballado na Idade Media, e por iso queremos despexar as dúbidas», comenta. O lugar tamén serviu na Guerra Civil como refuxio de perseguidos políticos