«Oxalá se fora máis politicamente incorrecto»

La Voz

LEMOS

30 oct 2015 . Actualizado a las 16:56 h.

| No festival ao que lle deben gran parte da súa existencia, Liviao de Marrao, un grupo de dez rapaces que reivindica o bravío do rural e que pasea a un cocho rockeiro e punkie polos palcos da comunidade, chega co seu novo disco, Que cada cão lamba a sua caralha. Xurxo Novoa (Chantada, 1986), o guitarra, resume este segundo traballo, tras a maqueta Á machada, como a proclamación da súa historia e da retranca.

-Considéranse herdeiros da xeración do Xabarín.

-A nosa proclama é reivindicar o movemento cultural do bravú, que se orixinou en Chantada co Manifesto de Viana, ao que lle dedicamos un tema neste disco, coa colaboración de Heléctrico (Rastreros), Vituco Neira (Ruxe-Ruxe), Xurxo Souto (Os Diplomáticos de Monte Alto), Jasper (NAO) e Bocixa (Zënzar).

-Reivindican un movemento dunha xeración anterior, que ven de celebrar 20 anos.

-A música que facemos traémola ao que é noso. Somos de orixe rural basicamente e reclamamos esa vivencia. Somos da zona sur de Lugo, que é a máis deprimida a todos os niveis e a música que se fai non conta con iso. Nós queremos manter esa cultura viva.

-Non se lles pode acusar de ser politicamente correctos.

-Oxalá se fora máis politicamente incorrecto. Se dicimos as cousas como as pensamos, sen eufemismos, choca, aínda que a xente tamén o pense non é capaz de dicilo pola autocensura e o medo. Temos unha actitude reivindicativa, pero non deixamos a festa nin esa retranca típica galega.

-¿Teñen un ideólogo? ¿Como arman os temas?

-Non temos un sistema, polo xeral cada un ten un campo no grupo. O cantante e o violín son filólogos, no campo das humanidades achegan máis. Pero isto é un colectivo dinámico, non só facemos música, somos unha entidade cultural.

-¿Como é o novo disco?

-Recolle un pouco a cultura de Chantada, as nosas vivencias, a nosa historia, non consideramos a historia como un produto de museo, senón que queremos mantela viva. É como a revista Bravú, a publicación que sae cando a situación o require. O noso ten que estar aí para cando se precisa. É máis unha actitude.

-Fan moitas homenaxes.

-Son doce temas e recollemos varios aspectos, como a historia das antigas cantigas de Xohán de Requeixo, se os propios chantadiños non reivindicamos esa figura ninguén vai vir de fóra a facelo; facemos unha homenaxe a Os Barrios, un dos grupos de gaitas máis antigos de Galiza; dedicámoslle unha canción ao Molina, un señor moi coñecido por Chantada como festeiro e que non deixa de ser parte da nosa cultura; tamén levamos unha adaptación do tema 15 en Castro, de Xoán Carlos López, para agradecer o pobo de Castro esa forza; outra peza está dedicada a Pedro de Agromán, unha historia bastante silenciada e que foi un pequeno Nicolás da época e a guinda é Cantiga de feto, contra o decreto sobre o aborto de Gallardón.