«Mantemos máis de cen mil volumes sen nengunha axuda oficial»

Xosé Carreira LUGO / LA VOZ

LEMOS

Unha das bibliotecas más antigas de Galicia sobrevive grazas a particulares

07 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O Seminario de Lugo conserva unha das bibliotecas máis antigas de Galicia xa que logo as súas orixes están nas primeiras coleccións episcopais da Idade Media. Os máis de cen mil volumes que ten na actualidade están ao coidado do bibliotecario Manuel Rodríguez Sánchez. «Quen pense que só temos libros de relixión equivócase» advirte este home que naceu en 1940 no Courel, estudou Filosofía Clásica en Roma, logo Filoloxía Bíblica Trilingüe en Salamanca e diplomouse en Paleografía (estudo das escrituras antigas) en Sevilla. Deu clase no Seminario, foi catedrático de Latín no Instituto Feminino de Lugo e dirixiu o Xoán Montes.

-Dende logo coñecementos non lle faltan e supoño que capacidade para ocuparse de máis de cen mil libros tampouco...

-Agora estou xubilado e a biblioteca ocúpame todo o tempo que teño. Boto polo menos toda a mañá nela porque hai moitas cousas para facer. Hai que publicar traballos, atender cousas que piden de fóra, preparar Lucensia a revista que editamos nós...

-¿E canto leva no cargo?

-Dezaoito anos. Cando exercín de profesor no Seminario ocupeime algún tempo da biblioteca do Menor que agora está nesta.

-Con tanto libro, se lle pido que me diga onde ten Os vellos non deben namorarse, de Castelao, ¿Non lle pasará coma min que sabe que o ten pero non ten idea do lugar?

-No momento. ¿Quere que fagamos a proba?

-Non, non fai falta. Vostede e cura e non me vai enganar...

-Mire, en tres minutos teno nas súas mans, aínda que non sei de memoria onde está. Pero imos xunto de Luísa (unha das persoas que está ó fronte da biblioteca) e localizámolo axiña. Teña en conta que está fichado.

-O Seminario ten na súa biblioteca un grande tesouro de papel. ¿Como é, porque hai una grande maioría da poboación que non sabe da súa existencia?

-Pois agora mesmo superamos os cen mil volumes dos cales temos fichados a metade na rede, é dicir, pódense consultar a lista a través de Internet. A maiores temos ficheiros antigos onde están localizados case todos agás as últimas doazóns. Temos moitas doazóns e intercambios con outras bibliotecas, sobre todo coa da Universidad de Comillas. Moitos sacerdotes, médicos, avogados, médicos e outros profesionais fan doazóns. Calculo que anualmente entran entre 3.000 e 5.000 libros que son doados.

-¿E como conseguen espazo?

-Pois aínda vamos tendo. Hai dous lugares para o depósito onde están os libros hasta que se van fichando. Os repetidos poñémolos en caixas e mandámolos para seminarios de Hispanoamérica como, por exemplo, Perú. Son seminarios que teñen poucos libros, sobre de todo en latín. Aquí chéganos moitos repetidos dos curas. Aló están agradecidos por eses libros que xa non se poden mercar porque están fóra de catálogo. Véñenlles moi ben e a nós tamén, que gañamos espazo e tamén contribuímos a que os demais teñan fondos.

-¿Cales son os segredos de conservación?

-Conservalos cunha humidade entre o 40 e o 60%. Logo a temperatura ten que oscilar entre os 18 e 22 grados. Senón fora así, desaparecerían. Logo cada certo tempo fumíganse por unha empresa. Cando ocorre algunha desgraza (algúns molláronse) tratamos de restauralos. Están perfectamente.

-Para vostede, ¿Que é o que destaca na biblioteca que vostede dirixe?

-Hai moitas pezas. A modo de exemplo, os manuscritos da historia do Seminario, as contas... Hai exemplares que chegaron de Calatayud, dunha universidade dos Jesuitas porque moitos profesores viñan de alí a facer oposicións a coengos. Hai tamén un exemplar moi curioso que veu de Terceral (Cuba) e que é una defensa dos galegos. Temos incunables e moitas edicións fermosísimas. Tamén conservamos unhas vidas contemplativas cuxa edición ardeu pero salváronse tres exemplares, un deles está na Biblioteca Nacional, outro na do Seminario de Burgos e outro témolo aquí. Asemade temos unha primeira edición do Dicionario da Real Academia e as dúas mellores edicións que hai de El Quijote: a de Sancha e a de Ibarra. Son apoteósicas. En definitiva, o fondo de libros antigos é de 20.000 exemplares.

-Polo visto non só teñen libros relixiosos, como se podía esperar.

-Quen pense que só hai libros de Relixión, equivócanse. De literatura xeral temos unha colección inmensa, moi boa. Despois tamén temos moito de Menciña. Máis de cen exemplares foron para un congreso internacional que se celebrou en Madrid. Hai tamén unha colección inmensa e valiosísima de Matemáticas porque Buíde, un reitor do Seminario, licenciado en Matemáticas, mercou moito libros.

-E o galego, ¿Como anda?

-Temos 8.000 volumes. Algúns verdadeiras xoias. Hai que ter en conta que temos a biblioteca de Vázquez Saco. A maiores, cando fun director do instituto, unha filla de Carballo Calero, que daba clases alí, deume moitos dos libros do seu pai. Son de grande valor porque case todos están dedicados polos autores.

-¿E como manteñen a biblioteca?

-Non temos diñeiro. Durante o tripartito houbo unha subvención de 1.300.000 pesetas. Logo, baixárona a 900.000 e agora nada. Menos mal que aínda hai algunhas doazóns particulares.

entrevista manuel rodríguez sánchez, bibliotecario do seminario