O director José Luis Guerín dirixirá en Pantón un seminario de realización cinematográfica

f. albo monforte / la voz< / span>

LEMOS

XOAN A. SOLER

15 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O director catalán José Luis Guerín dirixirá un seminario de realización cinematográfica que se impartirá entre os días 12 e 14 de decembro na hospedaxe de turismo rural Casa dos Muros, situada na parroquia de Paderne, no municipio de Pantón. A actividade está organizada pola asociación ourensá La Plantación. Os contidos do obradoiro xirarán en torno a aspectos como a relación entre o cinema e a realidade, o uso cinematográfico do espazo, o tempo, o punto de vista, a luz, o movemento e as elipses, as novas formas de cinema e a posta en escena cinematográfica e pictórica.

A inscrición ten un prezo de 280 euros, que inclúe a asistencia ao seminario e unha estadía na referida hospedaxe durante dous días en réxime de pensión completa. Aplicarase un desconto do 10% a cineastas, realizadores, produtores, profesores e alumnos de imaxe e son e fotografía, profesionais da televisión e da fotografía, membros de cineclubs e asociacións fotográficas e desempregados. Os interesados poden inscribirse a través do correo info@laplantacion.info ou do teléfono 692 958 529.

José Luis Guerín é un cineasta con recoñecemento internacional, caracterizado por un estilo reflexivo e poético, que iniciou a súa carreira en 1983 coa longametraxe Los motivos de Berta despois dun período inicial de experimentación con pequenas obras en 8 e 16 milímetros e en vídeo que en certos casos foron transformadas máis tarde en curtametraxes. Na súa filmografía figuran títulos como Innisfree, En construcción, La ciudad de Berta, Las mujeres que no conocemos, Guest, Correspondencias e Recuerdos de una mañana.

Como curiosidade, unha obra de Guerín, Tren de sombras -realizada en 1997- foi o último filme que se proxectou no desaparecido Teatro Lemos de Monforte antes da súa clausura. Esta proxección foi ofrecida o 28 de abril de 1998 nunha sesión especial que organizou o cineclub monfortino A Calexa.