Don Ánxel Gómez Montero, opinión por Rubén Eyré

Rubén Eyré

LEMOS

08 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Mediante a posta de dúas placas, pódese visualizar en Chantada a rúa que a corporación municipal acordou, hai anos, concederlle a don Ánxel Gómez Montero. Para este acontecemento, algúns, entre eles o catedrático Celso Almuiña, tiñan pensado facer uns actos de celebración. Polo que fose, tales actos non se fixeron. Pero, teimo niso, estamos a tempo de cumprir con algo que se estima necesario. Entendemos que sería moi axeitado dar unha correcta explicación dos motivos que puideron levar aos representantes da cidadanía a tan acertada decisión.

Sei que nada hai que xustificar. Na memoria do Pobo a figura de don Ánxel é lembrada con cariño e admiración. Mesmo só por iso non collen sorpresas de nigún tipo. Pero de quen hoxe aquí falamos, foi algo máis que un home de conduta exemplar. Non cabe dúbida que a súa traxectoria profesional foi brillante, e digo limpa, sen lixos. O que pasa que Ánxel foi á súa vez un pintor de salientábel talento. Tiña o seu propio estilo. Esa forma especial de dar expresión artística ao seu mundo: ás súas contemplacións. A súa colleita de chemineas e as súas bruxas son firmas inimitábeis. Neste sentido é onde se bota en falta algo que axude a abrirnos os ollos.

Teño que dicir aquí algo máis. Don Ánxel tivo relación con persoeiros da Xeración Nós, sobre todo con Vicente Risco. El non profesaba un galeguismo militante, pero na prática comportábase como galego bo e xeneroso. Nos finais da década dos 70 foi quen de colaborar de cheo coa asociación cultural Lumieira. Unha asociación nacionalista que estaba no punto de mira das autoridades do réxime franquista travestido. No mesmo ano 71 aproveitou a clase para falarnos de López Abente, poeta a quen daquela se lle dedicaban as Letras Galegas. Pois falando de dedicacións, saiban que o 3 de septembro cúmprense dez anos da morte do noso artista.