A finais de mes terminará o proceso de rodaxe do documental «Tempo»
05 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.A finais de mes terminará o proceso de filmación de Tempo, un documental que o realizador monfortino Manuel Valcárcel está rodando na Serra do Courel desde o ano pasado. O fío condutor da obra é o primeiro ano de vida dunha nena que naceu en Froxán o 23 de novembro de 2012 -o primeiro bebé nado en 28 anos nesta localidade- e o documental pretende mostrar todo o que sucede na serra durante este tempo.
As imaxes recollidas ata agora foron tomadas durante cerca de 120 días. Neste tempo, Valcárcel e os seus colaboradores foron captando numerosos acontecementos meteorolóxicos, desde o paso do temporal Gong o pasado xaneiro ata os fortes chuvascos que caeron na serra esta última fin de semana. No filme veranse tamén as nevadas invernais e unha das granizadas que caeron en verán. Rexistrar este fenómeno -indica o realizador- requeriu tres días de traballo. A filmación levouse a cabo en numerosos lugares da serra, incluíndo o subsolo, xa que tamén se tomaron imaxes e sons nunha cova situada cerca da aldea de Paderne.
Pero os autores de Tempo non pretenden reflectir só o paso das estacións e os cambios que experimentan ao longo do ano as espectaculares paisaxes da serra. No filme aparecen ademais moitos veciños da zona que falan das cousas de todos os días e dos seus problemas como se a cámara non estivese presente. O documental recollerá tamén aspectos como o proxecto de creación do parque natural do Courel e o polémico plan de protección do oso pardo, que deron bastante que falar durante os últimos meses.
A intención de Manuel Valcárcel é que Tempo non sexa só un documental sobre a Serra do Courel. «O que se pretende é reflectir sobre a situación de moitos lugares de Galicia e de todo o mundo, porque problemas como o abandono do mundo rural e a degradación do medio natural son cousas que suceden en todas partes», explica.
Un labor complicado
O proceso de filmación -engade Valcárcel- foi un labor especialmente arduo que requeriu numerosos desprazamentos e moitas xornadas soportando frío, calor, molladuras e momentos de risco. «É un traballo duro e cansado, pero estamos todos moi contentos de como nos está quedando», di o realizador, que por outra parte valora especialmente a colaboración de todos os veciños do Courel que participan no filme dunha maneira ou outra. A rodaxe de Tempo lévase a cabo sen ningunha axuda oficial, pero para Valcárcel isto ten un aspecto positivo. «Queremos mostrar O Courel tal como é, coas cousas boas e as cousas negativas, e ao non ter subvencións non estamos condicionados por ninguén», apunta. Aínda que o groso do traballo de filmación xa quedou atrás, o realizador non dá a tarefa por rematada. «No tempo que queda aínda poden pasar moitas cousas», comenta.