O Castañazo Rock encheu Chantada de actividades na sétima edición que se celebra desde que foi recuperado este festival musical. Os chuvascos que caeron na vila pola mañá obrigaron a suspender a primeira das actividades previstas, un mercado de ocasión que debía terse instalado na rúa Leonardo Rodríguez, pero o resto do programa non sufriu alteracións. As actividades do Castañazo Infantil -que comprendían un obradoiro con castañas e diversos xogos- foron trasladados para a Casa da Música.
Ás tres da tarde comezou a cuarta edición do Concurso de Cantos de Taberna, que se desenvolveu nunha serie de bares do centro urbano e no que participaron dez grupos procedentes de diversas localidades, de arredor de dez compoñentes cada un. En total, cerca dun centenar de músicos e cantores que desfilaron de local en local acompañados por numerosas persoas a animando considerablemente o ambiente. Os tres premios do certame concedéronse ás formacións Coro Fuscalheiro, Trinzadura de Trasancos e Son do Souto. Na competición tamén tomaron parte os grupos Fiasco, Cantares do Asma, Amighas da Turuta, Mariñeiros do Monte, Paragüeiros, Cantamañanas e Afinadores e Paragüeiros.
Outras actividades
Ao longo da tarde celebráronse ademais un sexto torneo aberto de billarda, unha carreira de carros e a sexta edición dos Xogos Bravús. O único cambio que houbo que introducir no programa a causa das condicións meteorolóxicas consistiu en trasladar ao mercado gandeiro a carreira de carros, prevista inicialmente para o antigo campo da feira. Por outro lado, en torno ás nove da noite comezou no mercado gandeiro o festival de rock propiamente dito, no que tomaron parte os grupos Ex Tensión Agraria, Nao, Bongo Botrako, Che Sudaka, Lendakaris Muertos e Dakidarría.