Iván Álvarez, arqueólogo: «As fotos queren transmitir unha sensación de malestar»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Álvarez Merayo presenta hoxe en Lugo unha exposición baseada na última execución pública cometida en Monforte

22 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O arqueólogo monfortino Iván Álvarez Merayo presenta hoxe no Museo Provincial de Lugo -ás 20 horas- a exposición fotográfica Coma silvas que comen muros, que rememora a última execución pública cometida en Monforte. As imaxes foron tomadas no lugar onde foi fusilado o 3 de outubro de 1941 o factor ferroviario Manuel Pérez Goyanes, acusado de provocar na estación un acidente de tren que non causara vítimas. Segundo todos os indicios, o suceso tivera un carácter fortuíto.

-¿Fixo algún tipo de investigación arqueolóxica para realizar a exposición?

-Non, porque non tiña a intención de facer un estudo dese tipo, senón recordar un feito que me marcou moito. Coñecín este episodio a raíz dunha reportaxe que publicou La Voz de Galicia hai dez anos e deixoume moi impresionado. Sempre que pasaba polo sitio onde aconteceron eses feitos lembrábame da historia. Un día que pasei casualmente por alí tiven a idea de tomar unha serie de fotos e de aí xurdiu o proxecto desta exposición. Pero non fixen unha investigación de tipo arqueolóxico no lugar dos feitos, que por certo está moi abandonado e esquecido. O sitio pareceume como unha metáfora do asasinato e deume unha impresión moi forte de pena, frío e malestar que pretendo transmitir nas imaxes.

-¿Colaboran máis persoas neste proxecto?

-No catálogo participan os escritores Olga Novo, Xosé Lois García, Lois Diéguez, Marcos Abalde e Eva F. Ferreira, que escribiron diversos textos a partir das imaxes e da historia que hai detrás delas. A todos pareceulles impresionante este suceso e estiveron encantados de colaborar.

-¿Aquel suceso tivo repercusión fóra de Monforte?

-Encontrei moi poucas mencións, pero parece que si que tivo unha certa repercusión. O escritor ourensán Ben-Cho-Shey falou do caso nos seus diarios, segundo cheguei a saber grazas a Xan Ramiro Cuba, que preparou unha exposición histórica sobre este autor. En Internet tamén conseguín localizar unha mención moi breve, unha noticia curta redactada en inglés e aparecida nesa época nun xornal que se mal non recordo se editaba na Unión Soviética.

-¿Algunha vez fixo traballos arqueolóxicos sobre esa etapa da historia recente?

-Ata agora non, máis que nada porque nunca tiven ocasión. Téñome interesado moito por esa época como todo o mundo, non a nivel de investigación. Pero estou disposto a colaborar como arqueólogo en actuacións relacionadas con esa etapa, como as escavacións das foxas comúns da Guerra Civil.

iván álvarez merayo arqueólogo