As tradicionais figuras carnavalescas da comarca de Lemos loitan por sobrevivir á crise
01 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.A crise non parece favorecer moito a vella tradición carnavalesca da comarca de Lemos, pero tampouco consegue acabar con ela. Os típicos bonecos do Xoves de Compadres non puideron verse onte en diversos barrios e parroquias onde en tempos non adoitaban faltar, mais resistiron noutros sitios e mesmo volveron presentarse nalgún lugar onde reapareceron en épocas recentes despois dunha longa ausencia. É o caso do barrio monfortino de Rioseco, onde ocuparon toda unha rúa para representar unha carreira ciclista.
Os compadres non faltaron tampouco na parroquia de Ribas Altas -un clásico destas datas-, onde unha multitude de bonecos caracterizados de Pinochos con longos narices aludían burlescamente á clase política. As referencias á actualidade foron aínda máis directas no conxunto de compadres da residencia Prodeme, que de dedicaban a lavar billetes de 500 euros en baldes entre carteis que aludían aos casos de presunta malversación e corrupción que están a ser investigados: Bárcenas, Gürtel, Nóos, Bankia, familia Pujol, Lloret de Mar...
Sector lácteo e lotería
Entretanto, outro grupo de compadres instalado na capela do barrio de Carude criticaba con humor outro problema moi actual: a grave situación do sector lácteo galego, resumida laconicamente resumida nun letreiro coa frase «Leite de vaca cansada». Na rúa de San Pedro, os compadres optaron por representar as esperanzas postas na lotería nesta época de penuria mediante unha aparatosa montaxe con máis de vinte figuras que incluía ata unha axencia tributaria. Foi tamén multitudinario outro conxunto de compadres situado na praza do Concello de Sober, que escenificou o próximo paso da Vuelta Cicista a España polo municipio.
Por outro lado, como é habitual, as parroquias monfortinas de Santa Mariña do Monte e Distriz distinguíronse polas súas elaboradas composicións etnográficas. No primeiro caso tratábase dunha fragua onde non faltaba nin o lume aceso. No segundo puídose admirar un obradoiro de zapatería cunha ampla colección de ferramentas e máquinas que parecían saídas dun museo.