Xosé Lois Foxo: "O Filandón naceu unicamente coa idea de presentar un libro"

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Foxo coordina hoxe o 15 festival de música popular da Serra do Courel

05 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Xosé Lois Foxo, natural de Romeor e director da Real Banda de Gaitas da Deputación Ourense, coordina hoxe na ferrería de Seoane a edición número quince do Filandón de Músicas do Courel, un festival onde os protagonistas son os músicos e cantores populares das montañas orientais galegas.

-¿Esperaba que durase tanto tempo o Filandón cando organizou a primeira edición?

-A verdade é que o primeiro festival se celebrou unicamente coa idea de presentar o primeiro volume do libro-disco Músicos do Courel e sen unha intención clara de que continuase nos seguintes anos. Tratábase só de presentar no escenario aos músicos e cantores que colaboraron como informantes na elaboración do libro, pero aquel festival tivo unha resposta moi boa e iso animounos a organizar outro e outro... e así ata hoxe. Ao cabo de todo este tempo, penso que se converteu nun referente importante no mundo da música tradicional galega.

-E despois foron aparecendo máis libros e discos coas músicas do festival.

-Si, imos xa polo terceiro volume da serie e temos recopilado cerca dun millar de cantares e melodías tradicionais. Para min, o máis importante é que todo este valioso legado dos músicos populares quede recollido en libros e gravacións e que non se perda. O proxecto estase ampliando agora ás terras próximas á Serra do Courel, que comparten as mesmas tradicións musicais. De feito, xa editamos un libro-disco sobre os cantores de Forgas, na Pobra do Brollón, e están en preparación os cancioneiros das montañas do Lor, en Quiroga, e das terras de Oencia, xa na provincia de León. Espero que poidamos contar coas axudas necesarias para editar todos estes materiais, aínda que os tempos non están moi propicios para as iniciativas culturais.

-¿Que teñen en común as tradicións musicais de todas estas zonas?

-As terras de montaña do leste de Lugo e Ourense e das zonas de fala galega de León teñen unha unidade cultural moi forte, tanto desde o punto lingüístico como musical. O Courel ten máis afinidade cultural con localidades bercianas como Barxas ou Corullón que coas vilas e aldeas da costa galega. No que respecta a música hai moitos trazos comúns, como por exemplo a tradición dos brindos, que son cantares improvisados moi diferentes das regueifas doutras partes de Galicia, ou como as rondas que aínda se cantan na zona leonesa.

-¿Como ve o futuro do Filandón, tendo en conta que moitos dos músicos populares da serra son xa de idade avanzada?

-Pola miña parte, estou disposto a seguir organizando o Festival mentres me vexa con forzas. É certo que nos últimos anos perdemos a xente como a «avoa» do Filandón, Elvira Touzón, pero aínda contamos con moitos outros músicos populares máis novos que poden seguir cantando e tocando moito tempo. Por ese lado non teño medo. Preocúpame moito máis ter apoio para organizalo, tal como están os tempos. Agora só nos chega unha pequena axuda do Concello do Courel.

xosé lois foxo músico