«Xa veu o tempo de tróupele tróupele, xa veu o tempo do liño mazar»

La Voz

LEMOS

02 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

En xullo, cando xa estaban maduras, as plantas de liño arrancábanse e pasábanse por un pente de madeira chamado ripio para extraerlle a semente ou liñaza, que se puña a secar e se gardaba. Unha parte quedaba para a seguinte sementeira e o excedente vendíase para facer aceite de liñaza. «Pagábase a bon prezo», sinala o dono da casa de Paradiñeiro.

Despois as plantas xuntábanse en feixes e eran mergulladas nos chamados corgos ou pozas de auga, onde permanecían en remollo entre nove e doce días. A continuación púñanse durante un tempo ao sol para que secasen. O seguinte paso era envolvelos en sabas vellas que gardasen ben o calor e deixalos así durante dous ou tres días para completar o secado.

Depois chegaba o momento de mazalo, un traballo no que participaban mulleres e nenos e que -para facelo máis levadeiro-, tomábase moitas veces como un xogo. Os feixes de liño colocábanse sobre unha pedra -xeralmente traída do río- e batíase neles cunha maza de madeira. Durante o traballo cantábanse cantigas tradicionais ao son dos golpes da maza: «Xa veu o tempo do tróupele tróupele,/ xa veu o tempo de troupelear,/ xa veu o tempo da maza do liño,/ xa veu o tempo do liño mazar».

Terminada esta etapa, o liño pasábase polo tascón, unha táboa cunha folla de madeira cortante. Noutros lugares, nesta parte do proceso usábanse as espadelas, unha especie de coitelas de madeira. Despois pasábaselle o restrelo -unha especie de pente cadrado-, para separar a estopa da fibra de mellor calidade. Despois había que fialo moi fino coa roca e o fuso e pasalo polo sarillo, que mediante unhas aspas xiratorias enrolaba o fío en grandes madeixas chamadas meados ou meas.