2.500 espectadores no Castañazo

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

Os organizadores do festival de rock de Chantada consideránse moi satisfeitos da novena edición

01 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A comisión organizadora do noveno Castañazo Rock, celebrado a pasada fin de semana en Chantada, manifestou a súa satisfacción pola resposta obtida polo festival, que conseguiu reunir a cerca de 2.500 persoas no concerto que constituía o acto principal do programa. «O ano pasado xuntamos a tres mil persoas, pero é que o Castañazo duraba daquela dous días e este ano tivémolo que reducir a un só», apunta Ibán Gómez, membro da organización.

Os responsables do festival resaltaron tamén a alta participación que tiveron as actividades paralelas, especialmente o certame de cantos de taberna e o espectáculo de animación infantil que se desenvolveron o sábado pola mañá. A única nota negativa, segundo os organizadores, foi a atitude do Concello. «Mostráronse bastante reacios a ceder as instalacións municipais e non nos permitiron utilizar as casetas da Feira do Viño, que si se ceden para outras actividades», sinala Gómez. «Non entendemos esta falta de colaboración, porque o festival atrae a Chantada a moita xente doutros lugares e cremos que iso é positivo para a vila», engade.

Os membros da organización -na que participan perto de cincuenta persoas- consideran o bo resultado deste ano como un estímulo para preparar unha nova edición. «Intentaremos ampliar o programa porque a próxima edición será a décima e habería que festexalo, pero iso dependerá do orzamento que teñamos», conclúe Gómez.