Última oportunidade do verán para ver barcas tradicionais

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

En torno a dezasete embarcacións galegas e portuguesas participarán o sábado na Festa do Río de Monforte

28 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A asociación chantadina Casa do Barqueiro e o Concello de Monforte pecharon onte o prazo de inscrición para participar no encontro de embarcacións tradicionais que se celebrará o sábado no tramo urbano do Cabe dentro da sétima edición da Festa do Río. En torno a dezasete barcas típicas galegas e portuguesas tomarán parte neste festexo etnográfico, que é actualmente unha das escasísimas ocasións que hai en Galicia para ver xuntas estas embarcacións.

Segundo explica Fernando Ibarra, membro da asociación organizadora do festexo etnográfico, no que vai de verán só houbo na comunidade outro encontro deste tipo, celebrado na localidade pontevedresa de Carril entre o 30 de xuño e o 3 de xullo. Tratábase da décima edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, promovido pola Federación Galega da Cultura Marítima e Fluvial. Outras manifestacións deste tipo que se celebraban nos pasados anos en Vigo, A Coruña, Ferrol, Cambados ou A Illa de Arousa -entre outros lugares- foron suspendidas por falta de fondos. «Por causa da crise económica, retiraron en todas partes as subvencións para organizar estes encontros -sinala Ibarra- e ademais tamén desapareceu unha liña de axudas que había para o mantemento das embarcacións, así que moitas delas non están agora en condicións de navegar, que foi o que pasou con algunhas das que ían vir a Monforte».

Procedencias variadas

As embarcacións que participarán no encontro monfortino proceden das localidades portuguesas de Sarilhos, Vila do Conde, Esposende, Lanhelas e Viana do Castelo, así como de Vigo, Moaña, Cambados, Portonovo, A Illa de Arousa, Vilagarcía e Ferrol. A estas sumaranse tamén varias barcas conservadas en Chantada, Portomarín, Outeiro de Rei, A Pastoriza e a localidade soberina de Campo Rairo. As embarcacións marítimas e fluviais que percorrerán o Cabe pertencen a diversos tipos tradicionais destas zonas: catraia, catraio, carocho, dorna, gamela, loro, racú, bote de ría, batuxo, barca de paso ou de vendima... Unha variedade que para os organizadores xa é bastante notable, considerando sobre todo as pouco favorables condicións que se dan actualmente para organizar estas exhibicións. «Hai que ter tamén en conta que o espazo que hai para navegar no Cabe é moi limitado e por iso tampouco convén traer un número moito maior de embarcacións», apunta por outro lado Ibarra.

Ao longo do día, os veciños e visitantes que asistan á Festa do Río terán ocasión de pasear gratuitamente en todas estas embarcacións e nas outro oito barcas que o Concello ten en servizo no Cabe durante o verán. «Tamén poderán saber como se utilizan tradicionalmente estas embarcacións, porque van vir catro mariñeiros que aínda pescan con elas e que explicarán como as usan», engade o representante da Casa do Barqueiro.

Así mesmo, no Parque dos Condes instalarase unha piscina xigante na que os nenos -a partir dos 2 ou 3 anos de idade- poderán iniciarse na prática dos remos nunhas barcas especialmente deseñadas para a aprendizaxe infantil.