Monforte celebrará o día 30 a Festa do Río, con novidades no programa
23 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Monforte celebrará o día 30 a sétima edición da Festa do Río, que ao igual que o ano pasado, redúcese a unha soa xornada para aforrar gastos. Porén, a pesar dos recortes, o programa deste ano introduce varias novidades e variantes grazas á participación de diversos colectivos e entidades que colaboran co Concello e coa asociación Casa do Barqueiro na organización do festexo, que conta co apoio da Deputación e da Consellería do Mar.
O programa de actividades, presentado onte polos responsables municipais, comezará ás doce do mediodía, momento en que se abrirán no Parque dos Condes unhas casetas de exposición sobre o mundo fluvial do Club de Pesca de Monforte, a sociedade Val de Lemos e o Club Quixós. Ao longo da xornada celebrarase o encontro de embarcacións tradicionais, que contará coa participación do contacontos Anxo Moure. Ás cinco da tarde comezará o Descenso a Nado polo Cabe, unha proba organizada polo Club de Natación Monforte que chega á súa edición número catorce. A esa mesma hora abrirán no paseo do Malecón unha serie de postos de venda de artesanía que poderán visitarse ata as oito.
As actividades para nenos ocupan grande parte do programa e comprenden, por unha parte, unha serie de xogos populares e fluviais, controlados por monitores, que se ofrecerán de mañá e de tarde. No Parque dos Condes, ademais, instalarase unha piscina de grande tamaño onde os nenos poderán facer práticas de remo en pequenas barcas. Ás dez da noite, por outro lado, comezará no mesmo lugar unha sesión das Noites Alternativas centrada en xogos e actividades fluviais.
Postos de hostalería
A asociación provincial de hostalería colaborará instalando no Parque dos Condes tres casetas de refrescos e xeados. No paseo do Malecón haberá dous postos onde será posible xantar e cear. Neste espazo haberá pola tarde un obradoiro de malabares para nenos e ás 23 horas, un espectáculo de maxia.