Da crise tamén se aprende

Rubén Eyré

LEMOS

Pois si. Ben dexergaba xa hai anos Xosé Manuel Beiras a ferruxe que envolve e tingue de acebre ao Estado actual e o seu modelo de deseño. Ollada que reforzou con outras posteriores reflexións, onde se amosa como o rexime político pactado en Madrid no ano 1978 sofre un acentuado «proceso de descomposición» no conxunto dos seus ámbitos.

Tivo que ser o devalo económico quen de xeito máis xeneralizado deixe ver á cidadanía como esa reforma do franquismo está tamén nunha grave crise e chega así aos seus máximos niveis de saturación. Sobre todo nos millóns de persoas que non viviron a ditadura do caudillo, nin participaron niso que mal chamamos nós Transición. Pensen que en decembro do 78 tiña o censo do Estado español 26.632.180 electores, frente aos 35.381.270 que tivo en maio do 2011. Ao tempo, hai que dicir que nese santo día só 17.873.301 exerceran o seu dereito de votar, e a grande maioría non tan libremente como se pensa. Máis sabendo que 1.400.505 votaran en contra, que entre nulos e brancos houbo 766.688 votos, e que unha parte considerable de todo ese composto de votantes morreu, non é tan difícil concluír a quen poide representar hoxe a Constitución española.

Claro que aos partidos situados fóra do senso e do sentimento común, as vellas ferramentas válenlles. «O executivo do Estado moderno», ou ninganés dos grandes negocios que trouxo a economía globalizada, mellor desexan que nada mude. Nin sequera a lei que engadiron ao xogo arimético de D? Hondt. Pero cada vez que esta Constitución topa coa realidade, ármase o cristo.