E. coli

Rubén Eyré

LEMOS

16 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Hui! Hui! Hui!, bruaba a gorxa da pousadeira na danza dos chupasangues de Polanski. Mentres o profesor Abronsius con ollos pillabáns -entre relampados e satisfeitos- engrosaba os abraios do seu axudante Alfred, confirmando as súas teorías nos dous ocos do pescozo do dono da pousada. Alí moitos sabían onde se agochaba o bicho que transmitía o mal, pero calaban por temor. Na nosa singular película da información, tampouco falamos porque nunca nada sabemos con certeza. E grazas, talvez, por non facernos sentir o verdadeiro pánico.

Pero de súpeto: un impacto, e a sorpresa para todos. Algo estoupa cheo de misterio, enferma a 4000 persoas e mata a 36 (aquí en 12 países, ollen), máis tres que morreron nos Estados Unidos pola mesma causa. Bichiño resistente a oito potentes antibióticos e coa súa principal liña de transmisión non de todo coñecida... ¡Vaites coa bacteria! Mais contan que é froito dunha recombinación do ADN de varias cepas. Logo tranquilidade, que un chisco semellan saber. Terá arranxo no seu día. Quizais cando prestixen máis e mellor esa alimentación «morta» ou poida que axiña atopen unha vacina tan eficaz como a da perigosa gripe A. Teño coñecementos (dende 2008) duns científicos de San Francisco que traballaban en modificacións xenéticas do microbio da E. coli. Tentaban producir combustible a asombrosos prezos baixos, dicían... Compría darlles unha chamada ao portátil. Se cadra deixábase de buscar o mal só en hortas ou frigoríficos. E poida que tamén nós fixésemos «Hui! Hui!» cun un terrible noxo na cabeza.