As mordazas non van comigo

Carlos Ferreiro

LEMOS

Soubemos esta semana da chegada da nube radioactiva a Francia, aínda que con moito menos perigo que o resultado das eleccións cantonais no país de Astérix, onde a estrema dereita repunta perigosamente acompañada, como é lóxico, dunha importante abstención. Non son máis que os resultados, entre outros, da desafección e o descrédito da clase política, algo que non sucede por casualidade.

Aquí, os populares seguen dando clases de pesimismo, ben dirixidos dende a academia da desesperanza que teñen aberta en Génova e cunha estraña lei onde todo o mundo está na obriga de dar explicacións agás o Partido Popular que, xa se sabe, non ten competencias. Mentres, a realidade é que dende a chegada de Feijoo á Xunta de Galicia destruíronse oito empregos ao día na provincia de Lugo. Con moita crítica e ningunha proposta é cando o debate político pasa forzosamente a cuestións persoais para que no barómetro do CIS aumente a puntuación da preocupación pola clase política abonando a esterqueira que xa florece en Francia e outros países.

Cos anos parece que a capacidade de pasotismo váisenos anestesiando e máis cando percibes que, en plena democracia, algúns pretenden calar a boca de quen participa dunha organización democrática con descualificacións persoais. Gustoume a resposta que Esperanza Aguirre lle deu a Manuel Fraga cando este a mandaba calar: «las mordazas no van conmigo». Gustoume non só pola contundencia da mensaxe na resposta, senón porque llo estaba dicindo a alguén que participou dun tempo no que si se calaban bocas.