O carnaval vívese de cheo en Lugo

Cristina López LUGO / LA VOZ

LEMOS

Dende hoxe sucédense os actos festivos nos concellos da provincia

04 mar 2011 . Actualizado a las 14:23 h.

A gastronomía e os concursos de disfraces irán da man en boa parte dos festexos de carnaval que dende hoxe e ata mediados da vindeira semana se celebrarán por toda a provincia.

En Lugo, a de mañá será unha das xornadas centrais do Entroido. Pola mañá a praza da Soidade acollerá a tradicional feira de produtos típicos, e pola tarde, desde esta mesma praza partirá o desfile de participantes no concurso infantil de disfraces, que se desenvolverá na Praza Maior e no que os galardóns serán lotes de libros. Ademais, haberá premios especiais para os disfraces de elaboración propia e feitos con materiais reciclados. O gran concurso terá lugar na tarde do martes de carnaval. Haberá premios de 550, 400, 200 e 150 euros na categoría individual; de 700, 600, 500 e 200 euros en parellas; e de 1000, 800, 600 e 300 euros para as comparsas. O mércores de cinza celebrarase o tradicional Enterro da Sardiña, con saída ás oito da tarde do Círculo das Artes.

Vilalba concentra os seus actos festivos no martes de Entroido. Nesa xornada o desfile das persoas disfrazadas partirá ás 17.30 da rúa Castelao, a carón da estación de autobuses, e rematará na praza da Constitución. A charanga de Vilalba, o grupo Cencerro Nejro e a charanga Celtas de Negreira amenizará musicalmente a festa, na que os gañadores do concurso recibirán premios en metálico que van dende os 15 ata os 700 euros. Ao día seguinte, ás 20.30, na mencionada praza terá lugar o Enterro da Sardiña.

En Guitiriz son varias as propostas para vivir o carnaval. O domingo, no lugar de As Reixas, nos Vilares, organizado pola asociación veciñal, haberá concurso de filloas a partires as 16.30 e unha hora despois será o de disfraces. Tras a entrega de premios sortearán unha cesta con produtos do Entroido e invitarán a filloas con mel e queimada. Os actos do martes organízaos Xermolos e ademais do tradicional concurso de disfraces, con premios en metálico e en especies, haberá outro de charangas, con obsequios á mellor, á máis orixinal, á máis creativa, á máis humorística e á que faga mellor música.

A festa de carnaval de Abadín celebrarase o domingo no polideportivo ás 17.30. Os asistentes e os participantes no concurso de disfraces, tanto para nenos como para adultos, poderán disfrutar despois dunha chocolatada.

Tamén o domingo se celebrará o Entroido en Outeiro de Rei. Será na praza do Concello a partir das cinco da tarde. A música poñeraa a orquestra Studio 73 e o Concello, como organizador, repartirá un total de 1.650 euros en premios para as modalidades de comparsas, parellas, individual e infantil.

Outro concello que celebra a súa gran festa de carnaval o domingo é o de Baleira. Será no polideportivo municipal, onde os nenos terán inchables a partires das oito da tarde. Unha hora despois empezará o concurso de disfraces con premios en metálico e a festa continuará coa actuación dunha orquestra.

En Palas de Rei, o luns pola tarde será a festa infantil con inchables, globoflexia e chocolatada. O martes será o concurso de disfraces con 1650 euros para repartir nunha decena de premios.

En Monterroso, o baile infantil será o domingo ás 17.30 no antigo colexio e contará cun grupo de animación. Para o martes quedará o concurso de disfraces, con desfiles desde a cafetería Alkar, na avenida de Lugo, ata o auditorio, onde cada participante realizará unha pequena parodia. Os premios van dos 100 aos 200 euros en infantil e dos 350 aos 600 en adultos.

O pavillón do Colexio Galén converterase hoxe nun grande plató cinematográfico, no que os actores e actrices serán os alumnos e alumnas dos diferentes cursos, que escenificarán distintas películas da factoría Disney, que lles serviron de motivo central para a elaboración dos seus disfraces de carnaval. Escolares de Infantil, Primaria e Secundaria recrearán filmes como 101 Dálmatas, El libro de la selva, Los aristogatos, La sirenita, Aladín, Los increibles, Bichos, Ratatouille e High School Musica.

En 1963, o colexio Fingoi impulsaba a obra Contos populares da provincia de Lugo. Esta tarde, 48 anos despois, este centro educativo rememora aquela publicación, e con motivo do Entroido ambientarase como se dunha aldea nevada da Fonsagrada se tratase. A esta festa tradicional están convidadas as familias dos alumnos.

No Entroido do colexio Luis Pimentel, que se celebrará esta tarde no patio do centro, non faltará de nada. Haberá obradoiros de globoflexia e de maquillaxe, actuación da banda de gaitas Devandoira, merenda, espectáculo de maxia co mago Rafa e algunha que outra sorpresa. A festa, que contará cun animador, servirá ademais para a presentación da nova ANPA, que ten preparado un concurso para que os asistentes deseñen a que será a mascota desta asociación. O gañador terá premio.

Lucindo os seus disfraces, os nenos e nenas da escola infantil de Vilalba desfilarán este mediodía dende o seu centro ata o auditorio municipal. Neste pasarrúas de carnaval irán acompañados de catro zancudos galácticos e unha vez no auditorio disfrutarán dunha divertida festa con pombas de xabón.

O popular barrio da Milagrosa aproveita estas datas do Entroido para celebrar unha Feira de artesanía. Uns corenta postos de produtos típicos, orfebrería e pel estarán instalados na rúa Divina Pastora dende o domingo ata o martes. O luns, a partires das oito da tarde, haberá animación cunha charanga, pregón de Xerardo Pardo de Vera, sorteo de dúas cestas con produtos de carnaval, verbena con Emperadores e queimada.

Dende as seis da tarde do martes, o local da asociación Leña Verde de Pol será unha auténtica festa. Empezarán co concurso infantil de disfraces e continuarán co dirixido aos adultos. En ambos casos poderán participar individualmente, en parella ou comparsas. Todos terán un agasallo e os mellores obterán premios. Durante a xornada poderán degustar produtos típicos desta época e ás 23.00 actuará o humorista Fredi Kruger.

O vindeiro domingo Navia celebrará unha nova edición da Festa da androlla, na que ademais de degustar e mercar este tradicional embutido, así como outros produtos típicos, poderán gozar das actuacións de grupos de música tradicional. Os máis aventureiros seguirán de preto a competición de 4x4.

A segunda feira de entroido que Muimenta celebrará o martes suporá unha volta aos mercados tradicionais dos anos 50, tanto na ornamentación dos postos como na vestimenta dos vendedores. Haberá xantar tradicional a dez euros, con reserva no 982 528 017, e pola tarde carreira de burros, xogos populares e actuación dos gaiteiros da asociación Penas de Rodas.

O Entroido viviuse onte con grande animación no Centro de Educación Especial Santa María, na capital lucense. Tanto alumnos como profesores, coidadores e persoal do internado participaron nun baile de disfraces, no que os traxes estaban inspirados en películas como Grease, Waterloo, El rey León, La bella y la bestia e 101 Dálmatas. Todos eles foron deseñados e confeccionados nas aulas e no internado. E despois de tanto desgaste de enerxía houbo comida típica de carnaval.