O entroido de Salcedo coincidirá cunha concentración de autocaravanas

monforte / la voz

LEMOS

02 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Asociación Galega de Autocaravanas, en colaboración co Concello da Pobra do Brollón, organizará a fin de semana unha concentración neste municipio co obxectivo de dar a coñecer aos seus socios o tradicional entroido do Oso de Salcedo. O encontro celebrarase entre o sábado e o luns, aínda que os participantes comezarán a chegar o venres pola tarde. Os vehículos estacionaranse na área de autocaravanas que acaba de habilitar o Concello xunto ao campo de fútbol.

O programa de actos da concentración comezará ás doce do mediodía do sábado cunha conferencia e unha proxección de audiovisuais na Casa de Cultura, onde se exporán os principais atractivos turísticos, históricos e culturais da zona. Os participantes na concentración tomarán parte no desfile de comparsas de carnaval que se celebrará o mesmo día na capital do municipio, a partir das cinco e media da tarde.

O domingo, a partir das once da mañá, celebrarase unha xornada de portas abertas na que todos os veciños interesados poderán visitar as autocaravanas. Pola tarde haberá un servizo de autobuses para levar os visitantes a Salcedo, o que se fará tamén ao día seguinte

Programa festivo

Os actos do entroido de Salcedo comezarán ás dez da noite do sábado coas tradicionais funcións de teatro popular, que se ofrecerán no centro multiusos da localidade. O grupo teatral formado polos veciños representará as pezas Doutor Cordeiro, Farmacia central, Un vello e catro pequenos, A difunta nai da señora e Axencia de turismo. Ás doce da noite comezará unha verbena animada polo dúo musical Sabor Latino.

O domingo, ás cinco da tarde, o músico, cineasta e escritor Antón Reixa pronunciará o pregón das festas. Ás seis da tarde comezarán as tradicionais representacións teatrais ao aire libre coñecidas como disfraces de campo, acompañadas polas figuras típicas das madamitas e os danzantes. Ás dez da noite comezará outra sesión de teatro popular, que será seguida dunha verbena co dúo Bandoneón.

O luns, o Oso e os seus criados percorrerán as rúas da localidade a partir das cinco da tarde e ás nove haberá unha cea popular e un baile amenizado polas orquestras La Oca e Triunfo. O martes, último día das festas, as madamitas e danzantes actuarán de novo a partir das cinco e media da tarde e ás oito ofrecerase unha chocolatada e un baile coa orquestra Miramar.