Requeixo non é fácil de encontrar cun GPS

Francisco Albo
Francisco Albo CHANTADA |

LEMOS

O sistema de orientación por satélite levou a Portomarín a unha orquestra que ía actuar en Chantada

07 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O GPS xogou unha mala pasada á orquestra Intuición, contratada pola asociación veciñal da parroquia chantadina de Santiago de Requeixo para actuar nas súas tradicionais festas da Oitava. Ás once da noite, hora fixada para a actuación, o vehículo que transportaba ao grupo musical -procedente da provincia coruñesa- non chegara aínda á localidade, xa que fora parar ao municipio de Portomarín.

O sistema de navegación por satélite probablemente se viu confundido pola abundancia de lugares que comparten este nome e levou á orquestra por un camiño errado. No nomenclátor oficial da Xunta figuran 35 Requeixos, dous dos cales están en Sarria e Samos.

Despois de darse conta do erro e dar varias voltas pola zona, foi finalmente a Garda Civil de Chantada quen orientou aos músicos na dirección correcta. «O grupo xa viñera aquí pola mañá para actuar na sesión vermú, pero era a primeira vez que estiveran na parroquia e cando quixeron volver pola noite guiándose polo GPS non se deron orientado», explican desde a comisión organizadora das festas. Cando a orquesta chegou finalmente a Santiago de Requeixo grazas ás indicacións dos gardas civís, o GPS seguía sen servirlles de moita axuda, xa que nese momento estaba a indicarlles a dirección doutro Requeixo, situado no municipio ourensán de Nogueira de Ramuín.

Os problemas de orientación fixeron que a verbena comezase con máis dunha hora e cuarto de retraso, pero os veciños de Requeixo quedaron igualmente contentos coa actuación. Tanto que volveron contratar a orquestra para animar un magosto que se celebrará na parroquia o día 30.