Os veciños de Canaval, en Sober, queren dunha vez por todas que lles constrúan o paso peonil que tiñan antes de que o Adif levase a cabo as obras de mellora no entorno da estación. E reclámano porque «sen ese paso, o pobo está dividido». E é literal: a igrexa e a estación a un lado, e o bar, o río e o campo da festa ao outro.
Cunha poboación envellecida como a de Canaval, a ausencia de dito paso prexudica principalmente aos maiores. Son eles os que teñen máis dificultades para percorrer a distancia de un quilómetro e medio que separa unha parte do pobo de outra, sen falar do risco que supón cruzar a vía sen o paso pertinente. Pero os atrancos esténdense tamén entre os máis pequenos aos que lles é moi complicado atravesar a vía coas bicicletas, e entre calquera veciño que leve un vehículo ou obxecto con rodas, como pode ser un carriño de bebé ou unha maleta, por exemplo.
As actuacións levadas a cabo polo Adif hai uns meses incluíron un aumento de altura dos andéns da estación, suprimindo así o paso que lles permitía cruzar as vías. Como alternativa colocáronlles un paso peatonal a uns cincuenta metros que só lles permite cruzar a vía que está pegada á estación. O problema preséntase cando queren atravesar a segunda vía, na que non existe ningún paso.
Segundo indicaron os veciños, traballadores do Adif trasladáronse ata Canaval para tomar as medidas do novo paso, pero aínda non recibiron ningunha resposta por parte da empresa encargada do mantemento das infraestructuras ferroviarias, á que se dirixiron hai uns catro meses a través dun escrito no que solicitaban un novo paso para Canaval.
«A nós dannos igual as características, que sexa subterráneo ou superior, ou que custe moito ou pouco, o que queremos é que nos permita cruzar as vías» explica Francisco Javier López, presidente da asociación veciñal de Canaval. Os veciños suxeriron como opción a construción dun paso como o que permite atravesar a primeira vía, sen embargo dende o Adif indicáronlles que non o poden instalar polo perigo que conleva. «¿Pero entón como fixeron este?», pregúntase un veciño sinalando o paso peonil que salva a primeira das vías.
Pola súa banda, o Concello desentendeuse da reivindicación dos veciños e recomendoulles que presentasen unha denuncia contra o Adif. Unha opción que o presidente da asociación de veciños descarta polo momento. «Nós -afirma- non estamos contra ninguén, o único que queremos é o ben do pobo».
Canaval, con douscentos habitantes, ademais dun pobo dividido, é hoxe tamén un pobo envellecido. Noutro tempo reunía 22 ferroviarios e na súa estación descargábase o mineral procedente das minas de Freixo. Tamén o material das dúas cerámicas de ladrillo que había no lugar e a madeira do aserradeiro. «Esta e a de Areas eran as principais estacións da zona» lembran os veciños.