Arde un alpendre cheo de herba no Saviñao

N. Díaz MONFORTE/LA VOZ.

LEMOS

Unha palleira ardeu onte pola mañá no lugar de Vilaseco na parroquia de Vilelos, no Saviñao. O alpendre, situado a uns 50 metros da vivenda a que pertence, estaba construído con bloques, o tellado era de uralita e dispoñía de luz eléctrica. Os donos do almacén de herba quéixanse de que os servizos de extinción tardaron demasiado tempo en chegar desde que os veciños deron o aviso do que sucedía.

Aínda que se descoñecen as causas que orixinaron o lume, o propietario da palleira, Jaime López, desconfía que o incendio fose consecuencia dunha subida de tensión. El asegura que xusto antes de que se apercibisen de que a construción estaba ardendo, se producíu un corte de luz na súa casa.

Os propietarios do alpendre sinistrado e outros veciños de Vilelos manifestaron unha vez sufocado o lume o seu malestar pola tardanza dos servizos de extinción en responder á súa chamada de auxilio. Jaime López asegura que desde que avisou por teléfono ao servizo de emerxencias 112 ata que chegaron os primeiros operarios dos servizos contraincendios pasou alomenos media hora.

Veciños con tractores

Según manifestaron os propietarios do alpendre, o incendio comezou arredor das once menos cuarto da mañá. En vista da tardanza dos bombeiros en chegar, os veciños optaron por intentar poñer fin ás chamas cos seus propios medios. Así, antes de chegar os bombeiros, xa traballaban no lugar catro tractores con cisternas de auga. «Tardaban moito en vir dende a primeira chamada ao 112», afirmou unha das veciñas que interveu nos traballos de extinción. «Tivemos que coller os nosos tractores para intentar apagar o lume e que non se extendese cara outras zonas», engadíu.

Ata o lugar do suceso trasladouse un camión cisterna da Consellería de Medio Rural, axentes da Garda Civil de Escairón, unha paleadora do Concello do Saviñao e membros de protección civil deste municipio e de Chantada.

O alpendre de herba estivo ardendo durante toda a xornada de xeito controlado, xa que segundo indicaron os veciños contiña unha gran cantidade de herba. Os responsables do operativo de extinción empregaron a paleadora para ir sacando pouco a pouco toda a herba que había no almacén e esparcila no terreo lindante, porque era a única maneira de apagar definitivamente o lume.

O lume botou a perder toda a herba depositada no lugra. O alpendre quedou practicamente destrozado. O tellado afundiuse á causa do calor e parte das paredes tamén se viñeron abaixo.