A Deputación presentou o proxecto da casa museo dedicada a Manuel María

La Voz LUGO /LA VOZ.

LEMOS

Onte presentouse na Deputación o proxecto que está a desenvolver a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, impulsado co apoio da Área de Cultura da Deputación, para converter a casa natal do escritor chairego, en Outeiro de Rei, en Casa Museo do Escritor. No acto de presentación estiveron xunto ao vicepresidente da Deputación, Antón Bao; Saleta Goy, viúva de Manuel María e presidenta da Fundación; Alberte Ansede, Secretario da Fundación; e Xan Casabella, responsable técnico do proxecto. Do mesmo xeito, tamén participou o escritor Camilo Gómez Torres para falar na presentación do libro inédito de Manuel María, recentemente publicado, Cecais hai unha luz .

Bao remarcou o esforzo que fixo a Área de Cultura provincial para liderar o proxecto e conseguir xuntar os esforzos e implicación do maior número de institucións para levalo a cabo. Do mesmo xeito, o vicepresidente da Deputación afirmou que «a figura do Manuel María escritor precisaba contar cun lugar de difusión e estudo». Bao rematou afondando na significación deste momento, que supón ver cumprido «cun espazo físico onde se dea acollida á biblioteca, manuscritos, obxectos persoais e calquera outro feito que garde relación co poeta, de xeito que sirva, ademais, como lugar de referencia para dar a coñecer a súa figura e a súa obra».

A vivenda de Outeiro de Rei

Actualmente, a casa natal de María constitúe a vivenda habitual do seu irmán Xosé María e asúa familia, cos que a Fundación acaba de chegar a un principio de acordo que deberá posibilitar a construción dunha nova vivenda para eles e o futuro acondicionamento para museo da casa natal do poeta, coñecida como Casa de Hortas. O inmoble está situado no centro de Outeiro de Rei e foi construído en 1891 polos avós de María. É unha típica casa de labregos acomodados cunha fermosa finca de máis de 2.000 metros cadrados.

Nela preténdese dar acollida ao legado de Manuel María que contén elementos culturais, artísticos e académicos de alto valor. Alí preténdese ubicar a importante biblioteca do escritor, unha das mellores coleccións particulares do libro galego, así como o seu significado fondo artísticos que contén obras dos autores máis recoñecidos da literatura galega, así como fotos, videos e obxectos de gran valor.