Xesús Mato, párroco e amigo

C. López LUGO/LA VOZ.

LEMOS

O cura de aldeas de Pedrafita e O Courel recibiu onte na montaña unha sentida homenaxe de compañeiros, fregueses e veciños

30 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O párroco Xesús Mato sentiuse onte un pouco máis agradecido a Deus e moito máis querido pola súa xente da montaña. E é que despois de recibir a homenaxe que lle tributaron centos de persoas das parroquias de Hospital da Condesa, Fonfría, Padornelo, O Temple e Louzarela, en Pedrafita; Teixeira, no Courel; e A Carqueixeda, en Samos, Mato non puido máis que dicir: grazas.

E o agradecemento deste cura foi maior se cabe porque o recoñecemento recibido onte chegoulle por parte dos veciños das montañas de Pedrafita e do Courel, cos que Xesús Mato leva 27 años compartindo anacos da súa vida -como párroco e como amigo-.

Aos curas rurais

E como di o dito, e este cura sostén, «de ben nacido é ser agradecido», Mato non só lles deu as grazas a todos os presentes na súa homenaxe, senón que lle brindou ese recoñecemento por el recibido a todos os curas do mundo rural que fixeron «moito máis ca min, e caladiñamente».

Ademais de fregueses, veciños e amigos, ao tributo a Xesús Mato tamén se sumou algún compañeiro, coma o párroco guitiricense Alfonso Blanco Torrado, ademais do bispo da diócese de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, que foi o encargado de oficiar a misa de acción de grazas coa que deron comezo na igrexa de Hospital da Condesa os actos da homenaxe.

Á homilía seguiulle a presentación do libro Mato sono io, unha obra que recolle dedicatorias dun cento de persoas que quixeron agasallar a Xesús Mato despois de cumprir no 2007 os 75 anos de vida e no 2008 as súas vodas de ouro como párroco e as de prata como cura na zona de Pedrafita, na que onte as súas xentes lle quixeron devolver todo o agarimo recibido. Xulio Xiz, Marica Campo, Alejandro Fernández Pumariño e Xosé Carlos Rodríguez Andina tomaron a palabra durante a presentación desta publicación.

Actuación do Orfeón Lucense

E nesta celebración non podía faltar a música, e tampouco, por suposto, o Orfeón Lucense, a agrupación que dirixe o propio Xesús Mato. Ao longo da xornada deleitou aos presentes coa interpretación de varias pezas relixiosas e tamén de temas moi coñecidos da música galega, como Velaí vai ou O galopín.

Logo da comida de irmandade, que se celebrou nunha carpa instalada no atrio da igrexa e durante a cal Mato non parou de dar e recibir mostras de cariño, as actuacións musicais fóronse alternando coas intervencións de amigos, poetas e veciños. Ao Orfeón Lucense sumouse entón Antonio Río Montero -o brindeiro de Louzarela e presidente da comisión que organizou a homenaxe-; Lola Tourón Río; os gaiteiros Raúl Galego, Xosé Luis Foxo e Conchiña; o catedrático José Manuel Busto López, que falou en nome dos veciños das parroquias que homenaxearon a Mato; a agrupación María Castaña; José Vázquez Diéguez e A Quenlla, con Mini e Mero á fronte.

Coma en todo acto de recoñecemento non faltaron os agasallos, aínda que neste caso o meirande regalo para o homenaxeado fose o propio feito de compartir unha xornada de ledicia con todas esas xentes do rural galego. A guinda á celebración puxéronlla as verbas do propio Xesús Mato, que moi emocionado deu as grazas aos seus amigos da montaña.