Ninguén parece coñecer a orixe dunha estraña construción que se levanta nun monte de Monforte
04 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.No monte de Valverde, en Monforte, levántanse unha estraña construción cuxas orixes e función parecen totalmente descoñecidas. O lugar foi localizado recentemente por Carlos Rueda, experto en sendeirismo e colaborador de La Voz de Galicia, quen llo mostrou ao arqueólogo Iván Álvarez. Nas pesquisas que levaron a cabo entre os veciños da parroquia non conseguiron encontrar a ninguén que soubese cando foi construida a estrutura nin por que motivo.
A construción encóntrase no cume do monte, perto do lugar onde estaba a desaparecida ermida de San Roque e duns penedos que supostamente serviron de abrigo a grupos humanos do Paleolítico Superior. Consiste en dúas estruturas de forma semicircular, coa base formada por pequenos muros de pedras ben colocadas e cubertas dunha espesa camada de terra. Nesta especie de túmulos -que posiblemente estean ocos- hai uns quince buracos que parecen madrigueiras de coellos.
Iván Álvarez afirma non ter ningunha certeza acerca do que poden ser estas enigmáticas construcións. «Para ser un túmulo megalítico teñen unha forma un pouco rara, pero é posible tamén que se trate dunha vella trampa para cazar coellos», comenta. O lugar encóntrase por outro lado no límite entre as parroquias de Valverde e Ribas Altas, e as mámoas e petróglifos acostuman a servir como marco de división parroquial.
Segundo o arqueólogo, a única forma de averiguar en que consiste realmente esta estrutura sería praticar unha sondaxe e ver o que encerra no seu interior. «Pero para facer unha sondaxe hai que contar cun permiso administrativo da Consellería de Cultura e se ninguén encarga unha intervención arqueolóxica nese lugar iso non pode facerse de forma espontánea», explica.