O PSOE insta á Xunta a crear un centro integrado de FP en Lugo

La Voz

LEMOS

A supresión da gratuidade dos libros de texto -que na provincia de Lugo afectou a un sesenta por cento das familias-; o problema creado co decreto do galego; e a redución dos orzamentos en materia educativa levan aos socialistas a facer un balance «moi negativo» do primeiro ano de goberno de Feijoo en materia de Educación.

Dende a executiva provincial do PSdeG-PSOE de Lugo, o secretario de Educación, Carlos Ferreiro, instou onte á Xunta a priorizar a creación dun centro integrado de Formación Profesional, xa que Lugo é a única capital de provincia que non conta con el, pese á disposición do Concello a levar adiante esta idea. En canto ao pacto local para desafogar aos municipios en materia de gastos de obras e dotacións nas escolas, Ferreiro fixo fincapé en que o colexio Luis Pimentel quedará sen comedor, precisamente pola falta de acción da Consellería de Educación, que pretende que o Concello de Lugo asuma todos os gastos de dotación para este servizo.

Pola súa banda, Concepción Burgo explicou que o campus universitario lucense tamén sufrirá as consecuencias negativas da xestión do goberno, que afectará á calidade da docencia e ás prácticas, que se vén moi reducidas.

Por último, o voceiro socialista de Educación no Parlamento galego, Guillermo Meijón, anunciou que o vindeiro mércores pediranlle explicacións ao conselleiro de Educación pola súa «reprobable xestión e irresponsabilidade» durante o temporal da semana pasada, deixando a responsabilidade aos directores.