Un gran potencial turístico que aínda está sen explotar

Adolfo de Abel Vilela

LEMOS

O Ano Santo debería ser aproveitado para dar a coñecer a cidade e a provincia

31 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Xa temos ano da Muralla, e xa nos dixeron que os lucenses e Lugo somos 10. Pero antes de que nos embobemos coas luces e o estrondo dos fogos de artificio sería conveniente separar o po da palla, a realidade da propaganda, e que fixésemos un balanzo do que se fixo e do que non en relación co motor que para o desenvolvemento do turismo na cidade supúñase que debería ser, e debe ser, a concesión á Muralla do título de Patrimonio da Humanidade.

Lugo ten moitas cousas que ofrecer ao visitante, o que eu chamo produto turístico, pero está agochado e sen desenvolver, ou porque se ignora que existe, ou porque sabendo que o temos non se quere utilizar, ou por unha moi lenta e deficiente xestión por parte das administracións competentes. Nestes dez anos houbo algún avance no referente á creación dese produto turístico, pero foi moi tímido, de maneira que non é ocioso preguntar, realmente, ¿temos algo que celebrar?

Seguro que algúns pensan que si, que nestes dez anos as cousas cambiaron moito, que o noso turismo vai vento en popa e que xa somos un «referente», esa palabra que tanto gusta aos políticos posmodernos cando lles parece que fan ou promoven algo singular e único, aínda que despois non o resulte tanto.

Algunhas ideas

Como creo que a todos nos vira ben reflexionar sobre a cuestión, pretendo analizar a situación do turismo na cidade, con críticas e encomios para os que están ou estiveron no poder, e para os que están ou estiveron na oposición, dando a miña opinión sobre este asunto, sen que o que diga teña que ir a misa, e ofrecendo ideas por se o Goberno central, a Xunta, o Concello, a Deputación, a Diocese, a Cámara de Comercio, as diversas asociacións de empresarios, os hostaleiros, os comerciantes, e outros sectores que se sentan concernidos co tema, teñen a ben recollelas e, o que é máis importante, executalas. Porque co turismo a cidade ten moito que gañar e moito que perder.

Un mundo de cifras

Na actualidade temos dúas oficinas de turismo na cidade, unha municipal e outra da Xunta. Cando un visitante demanda información adóitaselle preguntar a procedencia para elaborar estatísticas e estudos. O normal é que o que visita unha oficina non vaia á outra, pero pode facelo, neste caso se para saber os turistas que veñen a Lugo sumamos os datos das persoas que pasan polas dúas, esa persoa contaría dúas veces. Tamén é certo que hai moitos turistas que non van a ningunha delas e non contan para ninguén, como ocorre coa maior parte das viaxes en grupo ou excursións.

O mesmo se podería dicir das vistas ao Museo Provincial e aos centros de interpretación. Non todos os visitantes que van a eles son turistas, porque hai xente de Lugo que os vai a ver, e tampouco deben contar a estes efectos as visitas dos colexios e dos institutos.

Hai tamén outro tipo de turista que non entra dentro diso que se chama «turismo cultural», que é o que vén ás festas de San Froilán e Arde Lucus. Pero, como teremos oportunidade de ver, a maior parte dos asistentes a estes dous eventos lúdicos, somos os que vivimos no municipio e na contorna, de maneira que tampouco sabemos cantos son realmente os que veñen de fóra da provincia por este motivo. E para terminar, ¿alguén sabe cantos turistas veñen cada ano a Lugo? Porque para saber onde estamos, para promocionar e planificar, é fundamental sabelo ou cando menos ter unha aproximación.