«Penso que é un defecto non aceptar as críticas»

La Voz

LEMOS

O paso de Emilio López Pérez por Medio Rural deixou pegada e levantou duras críticas incluso dende o seu propio entorno político e especialmente do sindicato que axudou a fundar.

-¿Volvería ser delegado?

-Nin me emociona nin me repugna.

-¿Que cambiaría en función das críticas recibidas?

-Hai unha cousa da condición humana, que é ir medindo a cada persoa con responsabilidade polo éxito. É un defecto non aceptar as críticas, que en moitos casos son acertadas e noutros malintencionadas.

-¿A actitude do SLG con vostede podería ser unha vendeta daquela etapa?

-Sería ser moi malpensado [ri con gañas]. Hai unha tensión..., pero volto á pregunta que me parece máis interesante. ¿Que cambiaría? Penso que fun moi inxenuo fronte aos poderes pepeísticos , e sobre todo agora, que non máis sobrenaturais. ¿Que non fixen e faría? En todas as iniciativas que se tomaron sería máis osado politicamente. O que nunca cambiaría sería contar coa xente bempensada. Na administración hai xente disposta a traballar socialmente e a cambiar a mensaxe de competir pola de compartir.

- ¿Como encaixou cando un sindicato lle votou en cara que estaba narcotizado polos efluvios do coiro dos asentos do coche oficial?

-Je, je, je. Teño que dicir que se cabreou moito máis o chofer ca min porque andabamos no peor coche dos que atoparon na Consellería de Presidencia, non sei a razón. Soltaron aquilo cando acababamos de conseguir outro coche, de segunda man pero que tiña 40.000 quilómetros. Daquelas quen me dera andar menos no coiro, que por certo non era coiro, que era escai ben coidado.