Núñez, que acaba de incorporarse ao CCU, colabora na organización de varias actividades promocionais
13 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Desde a pasada semana, Rocío Núñez Calviño é a nova xerente do Centro Comercial Urbano de Monforte. Nos últimos anos traballou en Madrid como directora de desenvolvemento e subdirectora dunha empresa de servizos e agora esfórzase por promover o comercio na municipio que considera como a súa terra natal. «Nacín fóra, pero son de Monforte de toda a vida», sinala.
-¿Cales serán as liñas principais da súa actuación na xerencia do CCU?
-Por unha parte, pretendo achegarme o máis posible aos socios para ofrecerlles información e asesoramento en todas as cuestións que poidan interesar aos seus negocios, para axudarlles a tramitar facturas eléctricas, a presentar reclamacións... Por outro lado, implicareime ao máximo nas actividades de promoción que está desenvolvendo o centro. Xa colaborei na organización da xornada gastronómica da zoca que se celebrou o Martes de Pascua, aínda que non empecei a traballar ao cen por cento no CCU ata o pasado día 4.
-As últimas actividades de promoción que organizou esta entidade parece que tiveron bastante éxito de público.
-Si, e pretendemos seguir nesa liña. Non só se trata de centrarse na gastronomía, senón de estar máis presentes na vida de Monforte en todos os sentidos e participar en todo tipo de actividades. Temos que axudar a darlle vida a Monforte, hai que facer a que a cidade estea máis animada durante todo o ano, porque iso sempre será positivo para o comercio e a hostalería.
-¿Cales serán as próximas iniciativas nese terro?
-Entre os días 16 e 17, coincidindo co Día das Letras Galegas, haberá un mercado de flores de plantas, porque pensamos que é acertado unir os libros e as flores. Haberá tamén un posto de xeados e doces, que se venderán a un euro. Por outro lado, o 13 de xuño, o CCU encargarase de organizar en Monforte as actividades dun circuíto de xadrez que se desenvolve en toda Galicia. Temos previsto tamén ofrecer unha sardiñada o 24 de xuño e participar nas actividades que poidan organizar durante o verán o Concello e a asociación de hostaleiros.
-Está pendente a cuestión das festas locais, como o Martes de Pascua, que fan perder clientela aos negocios de Monforte.
-Cremos que unha festividade como o Martes de Pascua pode ser modificada para que favoreza os intereses dos negocios locais en vez de prexudicalos, pero hai que dar varios pasos para chegar a ese obxectivo. Nesa e noutras cuestións, o primeiro que hai que facer é ver o que pensan os comerciantes, averiguar o que quere a maioría, e despois poñer os medios para levalo a cabo.