Pedirán a Fenosa medidas para evitar máis casos como o do corzo que caeu nun alviadoiro do encoro
09 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O Servizo de Conservación da Natureza da Xunta recomendará solicitar á empresa Unión Fenosa que tome medidas para impedir acercarse aos aliviadoiros do encoro de Belesar. Os responsables deste servizo consideran que unha iniciativa deste tipo é necesaria para que non se repitan incidentes como a caída dun corzo nun destes aliviadoiros, que obrigou aos axentes forestais da zona a organizar o pasado xoves unha arriscada operación de rescate.
O axente zonal da área de Lemos e Chantada, Vicente Caballero, sinala que só sería necesario colocar un valado metálico ou unha instalación similar en ambas marxes do río Miño para impedir que os animais ou as persoas se acerquen en exceso ás grandes rampas de formigón por onde se evacúan a augas sobrantes do encoro. «A presa foi construída hai xa moitos anos pero desde entón non se fixo ningunha instalación deste tipo, que sería moi necesaria porque esas zonas cada vez son máis frecuentadas», comenta.
O corzo que foi rescatado o pasado xoves polos axentes forestais da zona caeu dentro do aliviadoiro ao saltar desde a marxe esquerda por motivos que se descoñecen e non puido saír polos seus propios medios. «É posible que estivese sendo perseguido por un lobo, ou por cans, e estes animais chegan a despeñarse cando se ven acosados», sinalan. O rescate, como xa se informou, requeriu a utilización de dardos narcóticos. Varios axentes, ademais, tiveron que baixar coa axuda de cordas pola parede da presa para retirar o animal, que xa levaba dous ou tres días atrapado na rampa de formigón.
Despois do rescate, o corzo foi trasladado ao centro de recuperación da fauna silvestre do Veral, onde foi curado dunhas feridas leves que se producíu ao resbalar na superficie da rampa. Así mesmo, administráronselle vitaminas para compensar a desnutrición sufrida durante a súa estadía no aliviadoiro. Onte pola mañá foi devolto ao medio natural.