Monforte é un dos lugares onde tivo máis éxito o ciclo Espazos Sonoros, cuxa segunda edición comeza o xoves
14 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Monforte, xunto con Santiago, é un dos lugares onde máis éxito tivo o ano pasado o ciclo musical Espazos Sonoros, organizado pola Consellería de Cultura, cuxa segunda edición comezará esta semana en diversas localidades galegas. Segundo explica a coordinadora deste programa, Belén Bermejo, «os tres concertos que se ofreceron o ano pasado na igrexa de San Vicente do Pino tiveron cerca de 150 espectadores cada un, unha cifra moi elevada para este tipo de actuacións, que parece demostrar que en Monforte hai moito interese pola música antiga».
Nesta ocasión, como xa se anunciou, as actuacións programadas para Monforte terán por escenario a igrexa da Régoa, que «aínda que é máis pequena que a de San Vicente, ofrece tamén unhas condicións de sonoridade moi boas para este tipo de concertos», apunta Bermejo. Tanto unha igrexa como a outra posúen órganos antigos que levan moito tempo avariados e en ningunha delas se ofreceran concertos en tempos recentes.
En Monforte, o ciclo comezará este xoves -ás 20.30 horas- cunha actuación de Tasto Solo, un grupo español que gañou no ano 2006 o concurso de xoves intérpretes do festival Laus Polyphoniae de Amberes, un dos máis prestixiosos do mundo no campo da música antiga. A formación está especializada na recuperación da música de teclado dos séculos XIV e XV e utiliza instrumentos moi pouco habituais na actualidade, como o organetto -reconstruído a partir de iconografías italianas do período gótico- e o clavisimbalum ou exaquier, fabricado segundo as indicacións dun tratado musical da década de 1440.
Investigación
A formación, creada e dirixida polo músico barcelonés Guillermo Pérez, explora tamén as relacións dos antigos teclados con outras familias de instrumentos e coa interpretación vocal e leva a cabo unha intensa investigación sobre o repertorio musical europeo de finais da Idade Media. Tasto Solo, por outro lado, gravou un disco con pezas do organista alemán do século XV Conrad Paumann, titulado Meyster ob allen Meystern ( Mestre de todos os mestres ). O grupo contará neste concerto coa colaboración do zanfonista Germán Díaz, un músico vallisoletano afincado desde hai tempo en Santiago, e dos bailaríns Véronique Daniela e Carles Mas, que se dedican á recreación de coreografías medievais.
As demais actuacións programadas para a igrexa da Régoa ofreceranse o 9 e o 24 de maio e o 5 de xuño e correrán a cargo, respectivamentes, das formacións Austrian Baroque Company, Meendinho e o Coro Campus Stellae acompañado polo grupo Os Menestreis de 1500. Na primeira edición do ciclo Espazos Sonoros, as formacións que actuaron na igrexa de San Vicente do Pino foron o Grupo 1500 e as formacións Martín Codax e Harmonia Artificiosa.