Arrincaron onte ao serán no paraninfo da Deputación unhas xornadas sobre a figura de Ramón Piñeiro, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. As conferencia, doce en total, están promovidas pola Fundación Carlos Casares e pola entidade provincial. O acto de onte foi solemne e nel participaron tanto autoridades políticas e académicas, como familiares de Piñeiro e alumnos do colexio público de Láncara. Dous deste rapaces se encargaron de ler textos do escritor e político galeguista. Tamén estivo a presidenta da Fundación Carlos Casares, Kristina Berg e o secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo. Unha das sorpresas do acto foi o momento no que se escoitou a voz do propio Ramón Piñeiro grazas á emisión dun fragmento dunha das últimas entrevistas radiofónicas que lle fixeron. O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, destacou o traballo de Piñeiro a prol do idioma e da creación da editorial Galaxia. «O seu traballo axudou a acadar a co-oficialidade do galego, que desde a primeira lexislatura foi o idioma do Parlamento e da Xunta», apuntou Besteiro. As conferencias comezan hoxe ás dez da mañá coa intervención de Miguel Barros. A lo longo da xornada participarán Justo Beramendi (12.00 horas), Carlos Fernández (16.30) e Andrés Torres Queiruga (18.30).