O Courel arrasa en Internet

LEMOS

O vídeo que reclama a creación dun parque natural na serra superou as 900.000 visitas no portal YouTube

17 mar 2009 . Actualizado a las 17:45 h.

Hai dous anos, un vídeo publicado no popular portal YouTube para reivindicar a creación dun parque natural na Serra do Courel destacou pola grande atención que despertou en Internet. Aos cinco meses de estar presente na Rede, o vídeo xa superaba as 450.000 visitas, converténdose nun dos maiores fenómenos do ciberespazo en Galicia. Desde entón, este filme de cerca de seis minutos de duración seguiu atraendo a curiosidade dos internautas xa sobrepasou as 900.000 visitas, o que sitúa entre os seis más vistos na sección Viajes y eventos do YouTube español. Onte pola tarde rexistraba 900.118 visitas.

A banda sonora do vídeo é o tema musical Terra , extraído do sexto disco do grupo Luar na Lubre. A parte visual é unha sucesión de imaxes das paraxes naturais e das aldeas do Courel procedentes do programa de TVG Galicia para o mundo . O traballo foi realizado por uns voluntarios para apoiar a campaña da asociación ecoloxista Adega a favor de creación do parque natural. O vídeo foi realizado por iniciativa dos seus autores e non por petición do grupo ambientalista, segundo explicaron no seu día os seus responsables.

Desde a primavera do 2007, o vídeo xerou un total de 135 comentarios escritos polos visitantes en diversos idiomas. Algúns deles chegaron a saber da existencia do Courel grazas a estas imaxes, como un internauta -ao parecer brasileiro- que pregunta simplemente: «O que é Courel?». Outra mensaxe procedente do mesmo país móstrase bastante máis informada: «O Courel deve ser tratado como um santuário, como falamos aqui no Brasil, pois guarda a bio-diversidade da região».

Debate

A cuestión do parque natural e os problemas medioambientais causados polas explotacións pizarreiras ocupan unha boa parte das mensaxes. Os visitantes que están a favor e contra da creación da área protexida tamén debateron entre si, ás veces nun ton un tanto subido. A crise das pizarreiras da comarca tamén deu pé a diversos comentarios, un dos cales critica os «estragos da minería» e avoga por «diversificar a economía».

Á marxe das polémicas, o vídeo serviu indubitabelmente para promocionar a zona, a xulgar polas numerosas mensaxes de eloxio ás paisaxes do Courel que aparecen nestas imaxes, como a máis recente de todas, que data do pasado domingo: «Very nice! Viva Galicia!». Non faltan comentarios máis elaborados nesta liña, como o que escribiu hai un ano outro visitante: «Hermosas tierras lucenses, frondosas devesas, añosos castaños de gruesos troncos, gentes amistosas con el forastero, enigmáticas montañas, oscuros tejados de pizarra cubiertos de musgo... O Courel es el paraíso más perdido y bello de Galicia».