«Hoxe a arte é moi diversa, pero para min arte é traballar a cor»

LEMOS

O Círculo Saviñao expón estes días unha colección de cadros de Luciano Couselo, pintor galego afincado en Cataluña e de obra longa, diversa e sempre colorista.

-¿Que van ver os que visiten estes días a exposición do Círculo Saviñao?

-Van ver unha serie de cadros que representan aparentemente figuras, pero que se un se fixa ben o que se ve realmente son paisaxes.

-¿Na súa obra ten moita importancia a cor, cal é a que predomina nesta colección?

-Hai cores de Galicia, grises e azuis, pero dentro de paisaxes urbáns. Eu son un pintor moi colorista. Hoxe a arte é moi diversa, pero para min a arte é pintura, traballar a cor.

-¿E cal é o estilo desta colección?

-Este último ano traballei máis a abstracción, pero na colección de Escairón hai traballos algo máis vellos.

-¿Canto lle deben os pintores ás pequenas salas de exposicións, como o Círculo Saviñao?

-Temos que cambiar a mentalidade, porque a arte tamén cambiou moito. Hoxendía os bancos dedícanse só ás grandes exposicións, xa non traballan coas pequenas. Os sitios máis reducidos están moi ben para chegar a unha xente que normalmente non ten acceso ás outras exposicións. Os artistas témonos que mover a estes sitios pequenos. A arte non é só comercio, hai que mover o teu traballo e mostrar a túa obra.