Mulleres facendo de homes

LEMOS

A Casa de Cultura de Sober acolle hoxe unha singular actividade teatral para promover a igualdade de xénero

13 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Casa de Cultura de Sober será hoxe escenario dunha iniciativa pouco común para promover a igualdade do home e da muller. As actrices Patricia de Lorenzo e Natalia Pajarito dirixirán un obradoiro de teatro no que unhas quince mulleres asumirán o papel de homes. A actividade ten por obxectivo «demostrar que o feito de ser home ou muller non é máis que o resultado dunha construción sociocultural» e pór de manifesto que «se os homes ocupan a posición de dominio non é porque o mande a natureza, xa que aprender a ser dominante é algo ao alcance de calquera muller», segundo explican desde a oficina de Igualdade e Benestar de Monforte, que promove esta xornada xunto coa asociación local Mulleres en Igualdade.

Coa axuda das referidas actrices e dunha maquilladora, as participantes poderán aprender a caracterizarse como homes e a asumir actitudes comportamentos considerados como tipicamente masculinos. O obradoiro desenvolverase entre as catro da tarde e as dez da noite e terminará cunha visita a algún local público, como pode ser un bar, a fin de pór a proba as novas identidades.

A actividade, que forma parte do programa de traballo de todas as oficinas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, é a primeira que participa a asociación Mulleres en Igualdade de Sober, que foi presentada oficialmente o pasado luns nun acto celebrado no centro de alfarería Rectoral de Gundivós. O feito de elixir este lugar, segundo explicaron as responsables do colectivo, obedecía á intención de reivindicar o papel da muller na tradición artesanal do municipio e de recordar o feito de que a elaboración da coñecida cerámica soberina foi tamén un labor feminino. A nova asociación ten previsto organizar actos para destacar a importancia que tiveron as mulleres na alfarería e tamén na elaboración da augardente, dúas actividades características de Sober.

Por agora, a próxima actividade programada no municipio por esta asociación é un obradoiro de memoria que se impartirá a partir do luns no local social da parroquia de Anllo.