Taboada negociará con Enerfín antes de aprobar os orzamentos

Xurxo Alonso

LEMOS

A aprobación dos orzamentos municipais do presente ano en Chantada continúa sendo un culebrón que parece non atopar fin. Se na orde do día do pleno celebrado o xoves nun principio estaba reflectida a súa aprobación, os membros do Partido Popular denunciaron a supresión deste punto sen previo aviso. Ante esta situación, o grupo da oposición que lidera o ex alcalde Manuel Varela tachou o traballo do bipartito chantadino de «francamente malo» en máis dunha ocasión.

A resposta do rexedor, Manuel Anxo Taboada, apuntou cara á firma Enerfín, empresa coa que o Concello ten un convenio polo parque eólico chantadino de O Faro. «Estamos pendentes de reunirnos con Enerfín porque o convenio que nos presentaron non é satisfactorio. Antes de solucionar este tema non imos aprobar os orzamentos», afirmou Taboada. Os pouco máis de 250.000 euros que acordaron cobrar parécenlle unha oferta moi baixa. «Non estamos dispostos a recibir menos que o Concello de Rodeiro -780.000 euros recibiu este municipio despois dunha disputa que chegou ata os tribunais- porque nós tamén temos máis muíños», engadiu.

Desta maneira pechou ás portas á posible aprobación dos orzamentos, polo menos ata deixar atado o tema do parque eólico. Esta actuación foi criticada por Varela, que considera innecesario agardar á solución deste conflito dado que, ao seu parecer, «poderíanse aprobar igual».

En canto ás críticas tanto do propio Varela como de Susana López Abella en contra da xestión que está a realizar o bipartito de nacionalistas e socialistas, o máximo responsable local destes últimos, o tenente de alcalde Alfonso Piñeiro, respondeu con contundencia: «Estamos a ser bastante congruentes, aínda que lles podemos dar a razón en canto ao de poñer paus nas rodas, porque aquí deixaron un grande barullo que non se soluciona tan facilmente».

Piñeiro argumentou que o desfase que atoparon nas contas do 2005 deixou un oco nas arcas municipais de 700.000 euros. Engadiu que en 2006 tamén hai débedas e que «hai provedores da mesma Chantada aos que aínda se lle deben cartos».

O edil nacionalista tamén tivo palabras para contestar ás queixas pola presunta falta de xestións que reclama a oposición. «Parece que non viron os investimentos que chegaron agora para o turismo, e que ademais terán continuación», engadiu o tenente de alcalde.

Sen cartos para o comercio

En canto a votación en contra da moción presentada polos populares sobre a creación dun plan de axuda para o comercio galego e chantadino, Taboada sinalou que o municipio que goberna é «o segundo concello do noso nivel con máis problemas económicos tras o de Silleda, agora mesmo non estamos como para facer concesións».

Piñeiro, pola súa parte, enviou unha mensaxe no mesmo sentido: «Trátase dunha moción fóra de sitio. Xa hai unha serie de axudas da Dirección Xeral de Comercio dedicadas á creación de oficinas técnicas».