Procurando o benestar social

Natalia Díaz

LEMOS

Os Servizos Sociais de Monforte ofrecen información, asesoramento e orientación aos distintos colectivos

09 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Dende os Servizos Sociais do Concello de Monforte proporciónase información, asesoramento e orientación aos veciños de todas as idades que ata alí se achegan. Tal e como afirma Belén Gómez Rodríguez, traballadora social dos Servizos Sociais na cidade do Cabe dende hai catro anos, «somos a porta de entrada aos servizos sociais, un servizo de intervención comunitaria. Dende aquí analizamos cada caso en concreto e atendémolo ou derivámolo segundo sexa preciso» e engade «ata aquí achéganse as persoas que necesitan solicitar algunha prestación social ou simplemente buscan información».

Nas instalacións dos Servizos Sociais municipais, situadas detrás da praza de Abastos dende hai catro anos, traballan dous educadores familiares, tres traballadores sociais e un auxiliar administrativo. Atenden a persoas de distintos colectivos, entre eles minorías étnicas, inmigrantes, drogodependientes, reclusos, familias, anciáns e rapaces.

Entre as súas labores figura a tramitación de recursos e prestacións municipais, a valoración de situacións de necesidade, orientación e información. «Programamos actividades destinadas á xente maior, como encontros, manualidades, pintura ou ximnasia» indica Belén González. En datas como o magosto ou carnavais organizan festas e xestionan as viaxes que se concertan a través da Xunta de Galicia. Tamén se ocupan da nova lei de dependencia, aínda que as valoracións das persoas solicitantes realízanse no Centro de día, pertencente ao Consorcio Galego de Servizos Igualdade e Benestar.

Entre os plans que xestionan está o de axuda no fogar, dirixido a persoas maiores, con discapacidade ou casos nos que se produza unha desatención familiar. Outra actuación é a intervención familiar, que se leva a cabo en caso de malos tratos, desamparo, abandono ou absentismo escolar. Dende os Servizos Sociais tamén se imparten cursos de educación familiar para aqueles pais que carecen das habilidades suficientes para facerse cargo dos seus fillos, así como charlas nos colexios.

Dentro do programa destinado a inmigrantes e emigrantes retornados, axúdanlles a realizar trámites administrativos e solicitudes de subvencións. Tamén levan o programa de voluntariado, o plan de ocio e tempo libre para maiores e o programa de dinamización do núcleo rural. En canto á época do ano en que máis traballo teñen, Belén González sinala «sempre hai meses nos que o traballo é maior, sobre todo cando estamos cos prazos de solicitudes de axudas».